Estás en:Novas

A Deputación apoia ao Comité Antisida da Coruña no mantemento das súas vivendas de acollida

O ente provincial achega 60.000 euros para cofinanciar os gastos do persoal dunha vivenda de acollida e outra de inserción dirixidas ás persoas seropositivas e en situación de exclusión social

A Deputación apoia ao Comité Antisida da Coruña no mantemento das súas vivendas de acollida

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a presidenta do Comité Cidadán Antisida da Coruña, Begoña Pérez Vegazo, e o deputado provincial José Manuel Lage Tuñas asinaron hoxe o convenio polo que a institución provincial renova a súa colaboración con CASCO para o mantemento da súa rede de pisos de acollida.

A Deputación compromete unha achega de 60.000 euros, para manter este importante servizo social. A través desta achega a institución provincial cofinancia os gastos do persoal da rede de pisos de acollida de CASCO durante 2022.

O servizo conta cunha vivenda de acollida e outra de inserción dirixidas ás persoas seropositivas e en situación de exclusión social, un programa único na provincia e case en Galicia, só hai un similar en Ourense. Estes pisos contan con 21 prazas e ofrecen ás persoas residentes vivenda, alimentación, roupa, medicación, atención individualizada a nivel psicolóxico, xurídico, social e médico.

Formoso destacou a importante labor que desenvolve CASCO con esta iniciativa social, apoiada pola Deputación desde hai moitos anos.