Estás en:Novas

O Xullo Pop da Deputación volve ao Teatro Colón cun cartel formado por Anxo Araújo, Garza e Grampoder

Os concertos celebraranse os días 1, 2 e 3 do mes que vén, ás 20 horas. As entradas, de balde, xa se poden retirar na páxina web do Colón

O Xullo Pop da Deputación volve ao Teatro Colón cun cartel formado por Anxo Araújo, Garza e Grampoder

O Teatro Colón acollerá, un ano máis, o Xullo Pop, un dos ciclos cos que o departamento de Cultura da Deputación da Coruña segue a apostar por unha programación propia na que, como no Maio Jazz e na Festa da Música, teñan cabida todos os estilos musicais da música que se fai na Galiza e en galego. A cita, nada máis comezar o mes que vén, é tripla: o venres 1, con Anxo Araújo; o sábado 2, con Garza; e domingo 3, con Grampoder. As entradas, de balde, xa se poden retirar na páxina web do Colón.

Abrirá o ciclo Anxo Araújo coa presentación de "Plan de urbanismo para un novo couto mixto,", o seu primeiro traballo de estudio en solitario. "O disco", segundo o autor, "é parte dunha necesidade persoal convertida en desafío"; o resultado, dez fermosas cancións "que nos inspiran momentos de cambio, de auto afirmación e de reflexión sobre a relativa importancia das cousas": música feliz para tempos de crise, o da pandemia. Explícao mellor Araújo: "Un saír dos buratos máis profundos con confianza e ilusión. Un reforzo da auto estima. Un aprender a bailar deixando marchar a carraxe acumulada. Un mirar cara a cara ao mundo. Unha absoluta liberación".

"Interferencias" chámase a proposta que Garza levará ao Colón o día 2. Garza é o proxecto de música electrónica de Adrián Charlín, moitos anos batería de varias bandas do panorama alternativo galego. Garza combina diferentes estilos, desde o experimental e escuro ata a música de clube máis accesible, sen abandonar nunca o apoio do o ambient, deep, trip-hop, Idm, etc. Garza trata de crear unha música de atmosferas que xogan constantemente coas intensidades. No concerto utilizará baterías, teclados e sintetizadores para compoñer un espectáculo moi atractivo a nivel sonoro e visual, con proxeccións de Xoan Tourís e do propio Garza, todo para que o público se mergulle nunha intensa viaxe de emocións, na que Charlín estará acompañado, ademais de por Tourís, por Matías Unruh, Marta de Soto, Cecilia Burillo e Rosalía Fernández Rial.

O domingo 3 o dúo compostelán Grampoder volverá aos escenarios co concerto "PM", nunha versión máis enérxica, máis eléctrica e máis escura do seu rock portátil. A banda regresa para presentar novas cancións nas que exploran as texturas do pop psicodélico, a rabia do hardcore e a densidade do post-punk.