Estás en:Novas

A Deputación inviste 75.000 euros do Plan Único para reformar a ‘Casa do Peregrino’ en Arzúa

O obxectivo desta actuación é volver a poñer o edificio en uso para darlle un fin socio-cultural ligado ao Camiño de Santiago

O plan provincial tamén financia outros proxectos no municipio que suman un investimento de 300.000 euros: a mellora dos camiños de Cruce de Villantime a Vilar de Marroxo, de Seixas ao Pumar e en Fontelas; e a ampliación de beirarrúa na estrada de Arzúa á parroquia de Lema

A Deputación inviste 75.000 euros do Plan Único para reformar a ‘Casa do Peregrino’ en Arzúa

A Deputación da Coruña inviste, a través do Plan Único, 75.002,85 euros para financiar o proxecto de reparación e mantemento da coñecida como 'Casa do Peregrino', situada no lugar de Río Vello no Concello de Arzúa.

A actuación, que conta cun orzamento de 75.002,85 euros, ten o obxectivo de recuperala para volver a poñela en uso tras anos de abandono, dándolle un fin socio-cultural ligado ao Camiño de Santiago e evitando así que continúe o seu deterioro.

Os traballos que se levarán a cabo consisten, fundamentalmente, na reparación de cubertas, carpinterías exteriores e interiores, acabado de interiores, pintado e instalación dunha rampla de acceso para facer accesible o local.

Luz verde a 300.000 euros de investimento en Arzúa

O Plan Único da Deputación da Coruña mobiliza 283.490,60 euros no Concello de Arzúa para financiar, ademais da reforma da 'Casa do Peregrino', outras tres obras no municipio relacionadas coa mellora da seguridade viaria.

Un dos proxectos que se acometerá, cun orzamento de 48.400 euros, é a renovación do firme no camiño que vai de Cruce de Villantine a Vilar de Marroxo e o que vai de Seixas ao Pumar. En segundo lugar, destinaranse 89.526,76 euros para a mellora do viario no lugar de Fontenlas. Ademais, contémplase un investimento de 70.580,97 euros para ampliar a beirarrúa da marxe esquerda saíndo de Arzúa en dirección á parroquia de Lema, creando un itinerario peonil seguro de 2,40 metros de ancho e 150 metros de lonxitude, ao que se dotará de mobiliario urbano e zonas verdes.

Estas catro actuacións están actualmente en proceso de licitación pública no perfil do contratante do Concello de Arzúa e o prazo de presentación de ofertas para todas remata o 29 de xuño