Estás en:Novas

A Deputación cede ao Concello da Coruña o uso dos pavillóns do IES Rafael Puga Ramón e o IES Rosalía Mera para as actividades deportivas municipais

As propostas de convenios entre ambas administracións, que permitirá ao Concello contar con máis espazos deportivos, someterase este xoves á aprobación do pleno provincial

Este acordo non interferirá co funcionamento habitual dos centros educativos e o persoal municipal encargarase de cumprir os protocolos de uso e limpeza vixentes

A Deputación cede ao Concello da Coruña o uso dos pavillóns do IES Rafael Puga Ramón e o IES Rosalía Mera para as actividades deportivas municipais

Deputación da Coruña levará a pleno este xoves, 23 de xuño, dúas propostas de convenio co Concello da Coruña para a cesión, ata o mes de xuño do ano 2023, do uso dos pavillóns polideportivo do IES Rafael Puga Ramón e do IES Rosalía Mera para que poida levar a cabo nestes espazos as actividades deportivas municipais.

A proposta de convenio entre ambas entidades, que se someterá a aprobación da corporación provincial, permitirá aumentar os espazos deportivos dos que pode facer uso o Concello.

Este acordo non interferirá co funcionamento habitual dos centros educativos xa que se establece un horario de ocupación das instalacións de 18:30 a 00:00 horas, de luns a venres, para o pavillón do IES Rafael Puga Ramón e desde as 19 horas para o IES Rosalía Mera. Durante a fin de semana non haberá limitacións sempre que a actividade non resulte incompatible coas dos institutos. Ademais, o persoal municipal designado polo Concello encargarase de cumprir os protocolos de uso deportivo e limpeza das instalacións vixentes en cada momento.

Os pavillóns polideportivos do IES Rafael Puga Ramón e do IES Rosalía Mera contan cunha pista cuberta que dispón de sinalización con dimensións regulamentarias para a práctica de deportes como voleibol, baloncesto, balonmán, fútbol sala e tenis.