Estás en:Novas

O VIII Northwest Triman das Pontes reúne a 700 deportistas de España e Portugal

A Deputación da Coruña financia esta proba, o único tríatlon de longa distancia de Galicia

O presidente provincial e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, participou na entrega de premios

O VIII Northwest Triman das Pontes reúne a 700 deportistas de España e Portugal

O presidente da Deputación e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, participou na entrega de premios no lago pontés

A oitava edición do Northwest Triman do Concello das Pontes reuniu hoxe, domingo 26 de xuño, a 700 deportistas chegados de diferentes puntos da Península Ibérica, que participaron no único tríatlon de longa distancia de Galicia.

Ramón Ejeda, do equipo Tricanet de Berenguer resultou vencedor na categoría absoluta masculina, seguido de Luís Fernández Zapico (Triatlón Santander) e Vicent Pastor Sanchís (Añorga KKE).

Na categoría feminina absoluta a vencedora foi Cristina Roselló Prats (Tri Infinity Móstoles), seguida de María Areias (Deportivo Atlético de Recordaes) e Elena Villanueva (Triatlón Pisuerga).

O premio para o mellor triatleta foi para Ismael Vázquez Prieto.

A proba, que está financiada pola Deputación da Coruña, retomou este ano a normalidade tras celebrarse no 2021 baixo un restritivo protocolo sanitario. Como nas anteriores edicións, celebrouse paralelamente unha competición de media distancia.

No acto de entrega de premios participou o presidente da Deputación e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, que entregou os galardóns aos primeiros clasificados de longa e media distancia, en categoría masculina e feminina.

O Northwest Triman, un reto maiúsculo

A proba, que deu comezo ás 09:00 horas, arrincou nas augas do Lago das Pontes, cun sector de natación de 3,8 km de distancia, nun circuíto de 1,9 km, con saída e chegada na praia, ao que os deportistas tiveron que dar dúas voltas. A saída para os atletas que competían en media distancia comezou 15 minutos antes e só tiveron que dar unha volta no sector de natación.


Continuou co sector de ciclismo. Un circuíto de algo máis de 44 quilómetros no que tiveron que completar catro voltas (dúas no caso da media distancia) para facer un total de 180 quilómetros que levou as atletas polos concellos das Pontes, Xermade e Vilaba.
Por último, o sector de carreira, cos 42 quilómetros da maratón que transcorreron polas rúas da vila, nun percorrido que deu catro voltas ao mesmo circuíto (dúas no caso da media distancia).