A Deputación lanza unha nova liña de axudas para apoiar aos festivais de iniciativa privada e reactivar a economía do sector
Esta nova liña de axudas, que conta cun orzamento de 120.000 euros, axudará a manter o emprego no sector cultural e na economía dos municipios onde se celebren os eventos
"A nosa intención é consolidar esta convocatoria. Este é un primeiro paso para ir xerando unha identidade propia que englobe aos festivais da provincia da Coruña, moitos deles referencia no seu sector", indicou o deputado
A Deputación da Coruña anunciou hoxe unha nova liña de axudas destinadas a entidades privadas para apoiar a celebración de festivais que axuden a potenciar o sector cultural, manter o emprego, e a reactivar a economía dos concellos onde se celebren. O deputado de Promoción Económica, Blas García, presentou hoxe, acompañado do xefe do servizo de Promoción Económica, Rafael Díaz-Aguado, esta nova liña de axudas, que conta cun orzamento de 120.000 euros.
García explicou que o sector vén de padecer unha crise económica derivada da pandemia que impediu exercer a súa actividade con normalidade. "Unha situación que fixo que moitas familias do sector cultural vivisen unha situación complicada". "Moitos axentes do sector se dirixiron a nós para colaborar con eles e, tras analizar esta posibilidade, puxemos en marcha estas axudas nun contexto, ademais, de inestabilidade económica cun incremento de prezos importante. Por iso decidimos sacar esta axuda a través da área de Promoción Económica da Deputación", apuntou o deputado.
Destacou o gran impacto económico que teñen estes festivais para os concellos onde se realizan. "Milleiros de persoas acoden a eles e deixan un beneficio económico importante en todos os sectores, o que redunda na reactivación económica e na creación do emprego local", explicou.
Segundo García, as entidades poderán optar en concorrencia competitiva a un máximo de 24.000 euros e o importe total das axudas públicas concedidas para o mesmo obxecto non pode superar o 80% do orzamento de gastos.
Poderán optar á subvención aqueles festivais musicais con identificación e marca propia e recoñecible, programación diversa que aglutine diferentes propostas artísticas, organizado periodicamente, con data de celebración consolidada e orientada á consecución de públicos amplos ao redor dunha proposta de contidos coherente e definida.
García lembrou as diferentes liñas de axudas que puxo en marcha a Deputación co fin de apoiar a estes eventos como "revulsivo económico tras dous anos de pandemia nos que non puideron celebrarse festivais por mor das restricións sanitarias. Trátase de potenciar eventos que fortalecen o tecido cultural da provincia e que exercen tamén un efecto multiplicador na economía local en sectores como o hoteleiro, hostaleiro, comercial, transporte ou empresas de servizos".
Trátase, en definitiva, de contribuír á difusión da cultura galega e apostar pola creación cultural a través de plataformas de promoción das propostas existentes e tamén de creación de emprego e riqueza, como motor económico no eido local.
"A nosa intención é consolidar esta convocatoria. Este é un primeiro paso para ir xerando unha identidade propia que englobe aos festivais da provincia da Coruña,moitos deles referencia no seu sector", indicou o deputado, que sinalou como exemplos o WOS Son de Santiago, o Fisterra Blues, o Maré Fest ou Fanzine Fest da Coruña.
A Deputación destinará 120.000 euros, aínda que poderá ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria no caso de existir crédito adecuado e suficiente.
Haberá unha comisión de valoración formada por técnicos e expertos no sector que avalíen as propostas co fin de comezar a prestar canto antes estas axudas, que xa se poden solicitar desde a súa publicación o pasado mércores 22 de xuño.
A Deputación xa destinou máis de medio millón en 2022
Exemplo desta política de apoio ao sector cultural e de reactivación económica é o aumento das axudas a concellos para a celebración de festivais.
En 2022, a Deputación destinará 549.993,17 euros dedicados a subvencionar máis dunha vintena de mostras audiovisuais, musicais e de artes escénicas promovidos por concellos e por colectivos sociais de toda a provincia durante este ano. En 2021, e a pesar da situación de restricións sanitarias provocadas pola pandemia a Deputación destinou 474.277 euros e accederon a esta liña de subvencións 23 eventos deste tipo.