Estás en:Novas

A Rede Cultural da Deputación chega aos concellos nos meses de verán con 534 espectáculos

Dos catro programas do catálogo, 324 actividades corresponden a 'Escena ao vivo!', 115 a 'Visións', 27 a 'Lingua a Escena!' e 67 a 'Alicerce'

A Rede Cultural da Deputación chega aos concellos nos meses de verán con 534 espectáculos

A Rede Cultural da Deputación 2022 chega aos concellos nos meses de verán con 534 espectáculos e "co fin de promover que toda a cidadanía da provincia da Coruña teña acceso a unha programación cultural de calidade, independentemente da localidade na que resida", en palabras do deputado Xurxo Couto. O departamento do que é responsable inviste este exercicio no seu circuíto artístico para os municipios un total de 1.509.836 €.

Propostas escénicas, audiovisuais, música, danza, ou maxia conforman a oferta, repartida nos catro programas do catálogo: 'Escena ao vivo!' (para espectáculos profesionais de teatro, música, monicreques, maxia, danza e circo), 324 actividades; 'Visións' (para cinema e contidos audiovisuais), 115 actividades; 'Lingua a Escena!' (para espectáculos profesionais de música, teatro, danza, narración oral e monicreques con contidos específicos orientados á dinamización social da lingua galega), 67 actividades; e 'Alicerce' (para grupos de música, danza e teatro non profesionais), 27 actividades.

"Trátase", afirmou Couto, "dunha programación que é o espello do noso panorama cultural actual, desde propostas tradicionais ás máis innovadoras". A oferta musical inclúe concertos de Chicharrón, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Sés, Guadi Galego, Tálesien, Magín Blanco, Boyanka Kostova, Leilía, Mercedes Peón, Uxía e Javier Ruibal, Luar na Lubre, Ruxe Ruxe, Milladoiro ou De Vacas.

As principais propostas da escena galega, da danza, do circo e da maxia forman parte tamén do catálogo desta edición da Rede Cultural, con espectáculos como os de Marcos Pereiro, Oswaldo Digón e Santi Romay e a súa montaxe "Coleccionistas: a arte feita comedia", Contraproducións, Teatro do Noroeste, Moc Moc MeRe Clown, Peter Punk Pallaso, N+1 Teatro Circo Danza, Desastronauts, Elahood, Mago Antón o Dani Polo.

"Cuñados", de Toño López, é unha das propostas más solicitadas polos concellos, dentro dunha programación na que tamén se exhibirán "Pinocchio", "Bella e o circo máxico", "El cuarto de la mona", "Quien a hierro mata" ou "Goomer". O programa non se esquece da cativada, para os que hai reservada unha ampla oferta con Barafunda, Paporrubio, Bellón Maceiras e Mamá Cabra, Pakolas, A Gramola Gominola ou Teatro Ghazafelhos.

O verán volver ser, un ano máis, a época na que máis se concentran as propostas da Rede Cultural: só nos meses de xullo, agosto e setembro, ofrecerá 534 espectáculos, dos 1.263 que forman o programa anual.