Estás en:Novas

Turismo da Deputación da Coruña participará na Placemaking Week Europe 2022

O Congreso, que terá lugar entre o 27 e o 30 de setembro en Pontevedra, reunirá 400 profesionais en planificación urbana para abordar o urbanismo participativo e sustentable desde ramas como a arte, a inclusión, a saúde ou a política

O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, participou nun acto de presentación deste Congreso en Madrid onde anunciou que o ente provincial terá presenza cunha intervención de arte urbana e un obradoiro sobre a mellora do espazo público a través da cultura

Turismo da Deputación da Coruña participará na Placemaking Week Europe 2022

O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, vén de participar na presentación da Placemaking Week Europe 2022 no Museo Reina Sofía de Madrid, xunto con representantes da organización e do concello de Pontevedra, a cidade anfitrioa nesta edición.

Neste acto de presentación, Xosé Regueira confirmou a participación activa da Deputación da Coruña neste congreso internacional, a través dunha intervención urbana na cidade do Lérez e un obradoiro sobre a mellora do espazo público a través de iniciativas culturais. Precisamente a interrelación entre espazo público e cultura foi o tema da intervención do vicepresidente no Museo Reina Sofía, nunha conversa que estivo encabezada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, o director da Placemaking Europe, Ramón Marrades, a directora do Instituto de Saúde Urbana, Giselle Sebag, e a xornalista Ana Pardo de Vera.

Na súa intervención, Xosé Regueira puxo en valor "a filosofía do modelo Pontevedra" á hora de intervir no espazo urbano ata acadar unha cidade pensada para as persoas que é referencia internacional e salientou "o compromiso, a vontade e a valentía política" do equipo que o fixo posible. Regueira expuxo o traballo realizado desde a área provincial de Turismo para intervir en modelos urbanos "que a priori son desagradables e hostís para convertelos en galerías de arte ao aire libre", en referencia aos festivais de arte pública que contan con apoio do seu departamento. "Sacar a arte dos contedores culturais permite que a veciñanza conviva coa arte no seu día a día e que comece a apreciala tamén como un ben cultural accesible" explicou o vicepresidente ante un auditorio que contou con persoeiros como Joan Clos, ex-director executivo da ONU Habitat (o programa das Nacións Unidas responsable da promoción das cidades sustentables, resilientes e prósperas), o arquitecto e e comunicador Pedro Torrijos, o presidente da ONCE, Miguel Carballeda, o director da Escola de Arquitectura da Coruña, Plácido Lizancos, ou o xornalista Jesús Cintora.
A Placemaking Week Europe terá lugar entre o 27 e o 30 de setembro e reunirá en Pontevedra ao redor de 400 profesionais relacionados con distintos aspectos da planificación urbana, desde a arte, a saúde, a inclusión, a participación social e a política. Trátase dun Congreso que se celebrou en Ámsterdam por vez primeira en 2017 e que tivo as seguintes edicións en Estocolmo e Valencia. A edición 2022 será a primeira tras a pandemia e terá participación de diferentes institucións galegas e de expertos expertas de toda Europa, Asia e Estados Unidos.