Estás en:Novas

Formoso destaca “o talento do audiovisual galego” e “as oportunidades que se presentan no ámbito dixital”

O presidente provincial visitou hoxe en Palexco a vixésima edición de 'Mundos Digitales', un evento internacional de animación, efectos visuais e novos media

Celebrarase ata mañá, sábado 9 de xullo, e conta coa presencia de 4 gañadores de premios Óscar e ducias de galardoados cun Goya

Formoso destaca “o talento do audiovisual galego” e “as oportunidades que se presentan no ámbito dixital”

Formoso co director do Congreso, Manuel Meijide, o gañador dun Óscar, Leo Sánchez, o gañador do Goya, Xosé Zapata

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe en Palexco na segunda xornada de 'Mundos Digitales', un evento internacional de animación, efectos visuais e novos media.

Formoso, acompañado do director de 'Mundos Digitales', Manuel Meijide, e o coruñés gañador do Goya á mellor curtametraxe de animación, Xosé Zapata, visitou a feira, onde destacou "o talento que hai no audiovisual galego" e salientou "as oportunidades que se presentan hoxe en día no ámbito dixital, tanto a nivel de videoxogos como de películas, no que España é xa unha potencia como podemos constatar neste congreso".

"Estes días na Coruña teremos a catro premiados nos Óscar e decenas de premios Goya, ademais dalgunhas das empresas máis importantes dun sector puxante no que Galicia ten unha presenza crecente e moito que dicir no futuro", afirmou o presidente da Deputación, que agradeceu aos organizadores a invitación a visitar o evento, que desde hai dúas décadas reúne na Coruña a empresas de referencia no mundo da animación, os efectos visuais e os videoxogos.

O evento, que se celebra desde onte, xoves 7 de xullo, ata mañá, sábado 9 de xullo, reúne a todas as persoas relevantes do sector da animación a nivel nacional e internacional e conta coa presenza de 4 gañadores de premios Óscar, como Leo Sánchez, gañador do Óscar á mellor curtametraxe animada, e ducias de galardoados nos Goya.

Máis de 1.200 persoas inscribíronse para participar neste congreso, no que un dos pratos fortes é a súa feira de emprego, que se consolida, segundo sinalan na organización, como a segunda máis importante de Europa. O obxectivo deste espazo é atopar un gran número de profesionais de diferentes perfís para as producións que se están levando a cabo.

Pódese consultar a programación completa en https://www.mundosdigitales.org/2022/es/main.html