Estás en:Novas

As Pontes contará cunha oficina técnica dos proxectos de Transición Xusta

As Pontes contará cunha oficina técnica dos proxectos de Transición Xusta

O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, participou hoxe, xunto co delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e alcaldes e alcaldesas da provincia, na presentación da oficina técnica e de información para dar soporte aos proxectos de transición xunta do goberno de España.

Formoso sinalou a importancia de contar un centro destas características "na zona cero da transición xusta", un espazo onde as empresas e concellos "poderán xestionar, directamente, tanto o coñecemento dos fondos, as convocatorias así como o estado de tramitación, ofrecendo, así mesmo, soporte aos proxectos que teñen intención e nós a necesidade de que aproveiten estas axudas".

Formoso fixo fincapé en que se trata dunha iniciativa do Goberno de España, "un mecanismo moi necesario que amosa que o Goberno está pensando nos territorios e amosa a súa vontade por mellorar, cada día, o sistema de asignación de fondos de transición xusta. Nós temos proxectos máis que coñecidos, agora mesmo, que aspiran a eses fondos", afirmou o presidente provincial, que lle agradeceu "esta aposta por As Pontes cunha oficina destas características"

Pola súa parte, o delegado do goberno en Galicia, José Miñones, resaltou que esta presentación é "unha oportunidade para falar cos 19 concellos e presentar unha oficina de asesoramento. Desde o goberno o compromiso foi, desde o minuto un, trasladarlle aos concellos a información precisa sobre cada un dos proxectos sobre os que se ía traballar dentro das liñas de financiamento e agora damos un paso máis con esta oficina de cara a que, os proxectos dos concellos e os proxectos empresariais queiran desenvolver ao longo destes meses conten coa axuda precisa"
O Goberno de España conta con 111 millóns de euros para a provincia da Coruña dirixidos, fundamentalmente, a novos proxectos empresariais e industriais, que van a ser xestionados pola Xunta de Galicia.

"Ademais hai unha achega de 91 millóns de euros dirixidos a infraestruturas verdes, rehabilitación, recuperación do patrimonio, sendas, mobilidade dos concellos, aberta ata o 2 de agosto, e na que cobra pleno sentido esta oficina de asesoramento. Esta transición verde é unha oportunidade única para a comarca de Ferrolterra e imos seguir apostando por ela" explicou o delegado do Goberno en Galicia.