Estás en:Novas

Concentración silenciosa na Deputación da Coruña en memoria de Miguel Ángel Blanco e das vítimas do terrorismo

No acto participaron representantes do goberno provincial, dos distintos grupos que forman a corporación e traballadores e traballadoras da Deputación

Formoso instou a "manter a unidade política e social que permitiu a este país acabar co terrorismo"

Concentración silenciosa na Deputación da Coruña en memoria de Miguel Ángel Blanco e das vítimas do terrorismo

A Deputación da Coruña realizou hoxe unha concentración silenciosa de cinco minutos en memoria do concelleiro de Ermua, Miguel Ángel Blanco, asasinado por ETA hai 25 anos, de todas as vítimas do terrorismo en España e en repulsa a calquera clase de acto terrorista.

No acto, levado a cabo na entrada do pazo provincial, participou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, xunto con representantes do goberno provincial, dos distintos grupos que forman a corporación e traballadores e traballadoras da casa.

Dez anos despois da disolución da banda terrorista, Formoso tivo un recordo para 854 vítimas mortais de ETA e instou a "manter a unidade política e social que permitiu a este país acabar co terrorismo". "É a nosa responsabilidade manter ese espírito de unidade entre todas as forzas políticas", afirmou.