Estás en:Novas

A Deputación e o concello de Vimianzo invisten 143.461 euros para mellorar a estrada que conecta o municipio con Muxía

O presidente provincial, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, rubricaron esta mañá o acordo

A estrada conecta os municipios de Vimianzo e Muxía, e constitúe unha das vías de máis circulación durante todo o ano, especialmente na tempada estival

A Deputación e o concello de Vimianzo invisten 143.461 euros para mellorar a estrada que conecta o municipio con Muxía

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa do Concello de Vimianzo, Mónica Rodríguez, asinaron esta mañá no pazo provincial o convenio de cooperación para financiar as obras de mellora da estrada DP-1603, que une o municipio soneirán co Concello de Muxía. Os traballos contan cun orzamento de 143.461,15 euros, dos que a Deputación achega o 80%.

A estrada conecta os municipios de Vimianzo e Muxía e constitúe unha das vías municipais de máis circulación durante todo o ano, pero especialmente no período estival, xa que é unha zona de grande interese turístico e de ocio, ao discorrer por enclaves turísticos culturais, patrimoniais e naturais de ambos os concellos, entre os que destacan Bens de Interese Cultural coma as Torres de Cereixo, o muíño de mareas ou o paseo de Cereixo.

Os traballos consistirán na mellora da capa de rodaxe e da seguridade viaria, e para isto contémplanse actuacións como a limpeza de cunetas, o estendido dunha capa de 6 centímetros de aglomerado en quente a toda a vía, instalación de cunetas e barreiras de seguridade, pintado das liñas de bordo e illas e a instalación dun sinal de STOP.

Valentín González Formoso, presidente da Deputación, sinala que "este acordo é unha proba máis do compromiso da Deputación cos concellos da provincia, pero tamén coa veciñanza daqueles espazos nos que melloramos infraestruturas, neste caso concreto moi importante porque se trata da seguridade viaria".

Pola súa banda, Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, agradeceulle "á Deputación e o seu presidente, Valentín González Formoso, non só a colaboración, senón tamén o interese diario polas nosas parroquias, por mellorar conexións entre municipios e por optimizar as condicións de seguridade tanto peonil coma dos vehículos", concluíu.