Estás en:Novas

O Plan único da Deputación inviste 275.000 euros na mellora de camiños municipais en Padrón

Arranxaranse os camiños do Couto ó Retén, pistas en Tarrío, a travesía Compostela a Luans, de Iria a Estramundi, de Cruces a Bascuas e na Escravitude

O Plan único da Deputación inviste 275.000 euros na mellora de camiños municipais en Padrón

A Deputación da Coruña inviste, a través do Plan único, un total de 275.000 euros para financiar a mellora de sete camiños e vías municipais no Concello de Padrón.

As obras, que se realizan a través de varios proxectos, permitirán arranxar os camiños do Couto ó Retén, pistas en Tarrío, a travesía Compostela a Luáns, de Iria a Estramundi, de Cruces a Bascuas e na Escravitude.

No camiño do Couto ó Retén o investimento chega a 68.181 euros e permitirá mellorar a capa de rodaxe, pavimentar tres ramais e, previamente aos traballos de asfaltado, a execución dunha rede para abastecemento de auga potable.

Para as pistas en Tarrío, na parroquia de Cruces, o orzamento é de 94.775 euros, dos que a Deputación achega 82.775 euros e o concello 12.000 euros. As actuacións realizaranse en dous tramos, nos que se executará un pavimento de lastras de granito gris e dous colectores de saneamento.

O proxecto para a pavimentación da travesía Compostela a Luáns e de Iria a Estramundi conta cun orzamento de 59.971 euros, dos que a Deputación achega 51.668 euros e o concello a parte restante. No tramo de Iria a Estramundi tamén se prevé a canalización para iluminación.

Por último, a actuación que permitirá renovar a capa de rodadura nos camiños de Cruces a Bascuas e na Escravitude, ambos na parroquia de Cruces, implicará un investimento de 57.000 euros, dos que a institución provincial asume 48.000 euros.