Siqi Luis Yang, Uxía Larrosa e Francisco Pérez gañan o Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación
Siqi Luis Yang como debuxante, e Uxía Larrosa como guionista, alzáronse co premio na modalidade xeral coa obra 'O bico da serea'
O noiés Francisco Pérez Villanueva resultou gañador na modalidade xuvenil e infantil coa obra 'Contando Estrelas'
O XVII Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña xa ten gañadores e gañadora. Na reunión do xurado, que tivo lugar no día de onte, resultou seleccionada na modalidade xeral a obra 'O bico da serea' da autoría de Siqi Luis Yang como debuxante e Uxía Larrosa como guionista, mentres que na modalidade LIX foi elixida a obra 'Contando Estrelas' de Francisco Pérez.
Nesta edición o xurado estivo composto por ilustradoras e ilustradores cunha recoñecida traxectoria na creación de banda deseñada e ilustración editorial, como son Nuria Díaz, Araceli Paz, Quique Mauricio, Carlos Taboada e a gañadora do ano pasado, Julia Lago. A xuntanza estivo presidida polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, e en calidade de secretaria actuou Mercedes Fernández-Albalat, xefa do Servizo de Cultura. Tamén estivo presente a comisaria dos premios literarios da Deputación, Susana Pedreira.
Da obra 'O bico da serea', o xurado salienta no seu informe "a poética e a gráfica" da proposta, ao tempo que indica que "o guión tamén toca diversas temáticas interesantes e con moita carga literaria que deleita os ollos e estimula a imaxinación". A obra narra a historia da relación entre unha rapaza pre-adolescente e unha serea, na se van entrelazando a vida cotiá e a rutina diaria con aspectos fantásticos e mitolóxicos.
Mentres, da obra 'Contando Estrelas', o xurado menciona "a súa delicadeza e coidada ilustración", así como o interese por "tratar temas cos que todas podemos sentirnos identificadas, a través das metáforas coas estrelas e por traballar con elementos do imaxinario colectivos". A obra está composta por relatos curtos, todos eles protagonizados por estrelas, que van tratando temáticas contemporáneas e comúns da sociedade actual como a soidade e a perda.
Siqi Luis Yang (Madrid, 1993). Medra na Coruña –onde reside actualmente-, cursa Belas Artes na Universitat Politécnica de Valencia e o máster de Obra Gráfica na Fundación CIEC de Betanzos. É cofundador dos fanzines 'Sacoponcho' e 'Nimio', esta último gañador do premio ao mellor fanzine español outorgado por Ficomic. Tamén colabora en diversas publicacións e traballa como freelance en diferentes proxectos de ilustración, cómic e animación.
Uxía Larrosa Villanueva (A Coruña, 1993). Estuda Belas Artes na Universidade de Barcelona, cursando a especialidade de gravado, e máster en Cine e Audiovisual contemporáneo na Universidade Pompeu Fabra. Recibiu o primeiro premio do Xuventude Crea en 2018 e é cofundadora do fanzine Sacoponcho e participa en publicacións colectivas. Traballa como deseñadora gráfica en Barcelona.
Francisco Pérez Villanueva (Noia, 1975). Asina os seus traballos coma Quico e estudou o curso de Gravado e Técnicas de Estampación na Escola de Artes e Oficios Ramón Falcón de Lugo. Ten traballado para distintas editoriais con traballos de ilustración e portadas. Conta con recoñecementos como o premio 'Pura e Dora Vázquez de Ilustración' e o 'Virxinia Pereira de banda deseñada'.