Estás en:Novas

Formoso destaca en Ferrol a importancia da alianza entre Navantia e Repsol para posicionar a Galicia como referencia na produción de hidróxeno verde

O presidente asistiu hoxe na fábrica de turbinas de Navantia Ferrol ao acto de sinatura do acordo entre Navantia Seanergies e Repsol para impulsar o uso do hidróxeno renovable

Formoso destaca en Ferrol a importancia da alianza entre Navantia e Repsol para posicionar a Galicia como referencia na produción de hidróxeno verde

Repsol e Navantia Sinergies, a división de enerxías verdes de Navantia, asinaron esta mañá en Ferrol un acordo para impulsar a produción de hidróxeno renovable.

Javier Herrador, director de Navantia Sinergies, e Tomás Malango, director de Hidróxeno de Repsol, asinaron o acordo de colaboración durante un acto que contou coa presenza do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o director xeral de Industria e PEME do Ministerio de Industria, Raúl Blanco, o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o presidente de Navantia, Ricardo Domínguez, entre outras autoridades e representantes de entidades empresariais e sociais.

Formoso destacou a importancia desta alianza como "un paso máis para posicionar a Galicia como referencia na produción de hidróxeno verde, que será protagonista no futuro da enerxía".

"Precisamos un modelo enerxético competitivo e con baixas emisións, que permita tamén a reindustrialización, e o hidróxeno verde xogará un papel determinante", sostivo.

A sinatura tivo lugar na fábrica de turbinas de Navantia en Ferrol, un centro que desenvolverá un papel clave neste acordo. As dúas compañías acordaron unir coñecementos e esforzos para o desenvolvemento industrial do hidróxeno renovable. Por unha banda, Navantia Sinergies anunciou a posta en marcha dunha liña de electrolizadores dentro desta factoría ferrolá. Por outra banda, Repsol, que actualmente é o primeiro produtor e consumidor de hidróxeno da Península Ibérica,  impulsará a instalación destes equipos para a produción de hidróxeno renovable.