Estás en:Novas

A cooperativa xuvenil boirense Kracia, galardoada como mellor proxecto emprendedor do ano

Kracia é froito da acción formativa "Márketing Dixital, Empregabilidade e Cooperativismo", organizada pola Fundación Paideia Galiza, a Deputación da Coruña e Fundación EOI - Escuela de Organización Industrial en colaboración cos concellos de Boiro e As Pontes de García Rodríguez..

A cooperativa xuvenil de servizos de márketing dixital Kracia, con sede en Boiro, foi galardoada como Mellor Proxecto Emprendedor de 2022. Entregou o premio a Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Dona Reyes Maroto.

Esta iniciativa, escollida entre tódolos proxectos emprendedores xurdidos de programas financiados pola Fundación EOI en todo o territorio español, da actualmente traballo a 5 mozos/as cooperativistas e conta co apoio da Deputación da Coruña no seu primeiro ano de vida.

A cooperativa xuvenil boirense Kracia, galardoada como mellor proxecto emprendedor do ano

A Fundación EOI - Escola de Organización Industrial, entidade dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, e primeira escola de negocios de España, decidiu galardoar á cooperativa xuvenil Kracia, con sede en Boiro, como Mellor Proxecto Emprendedor do Ano.

Kracia, formada por 5 mozos e mozas cooperativistas das comarcas do Barbanza, Sar, Muros e Noia, é froito da formación en "Márketing Dixital, Empregabilidade e Cooperativismo" organizada pola Fundación Paideia Galiza, a Deputación da Coruña e a Fundación EOI – Escola de Organización Industrial, coa colaboración dos concellos de Boiro e As Pontes de García Rodríguez e o financiamento do Fondo Social Europeo, entre os meses de setembro e decembro do pasado ano.

Na tarde de onte, xoves 14 de xullo, Kracia recibiu esta distinción de mans da Ministra de Industria, Comercio e Turismo, dona Reyes Maroto, acompañada de Guillermo Vergara, vicepresidente da Fundación Paideia e Federico Linares, presidente de EY España. Este proxecto emprendedor foi seleccionado de entre todas as iniciativas xurdidas de programas formativos organizados por Fundación EOI en todo o territorio español.

A acción formativa "Márketing Dixital, Empregabilidade e Cooperativismo", dirixida a mozas e mozos desempregados/as menores de 30 anos, é unha iniciativa conxunta da Fundación Paideia Galiza, a Deputación da Coruña e a Fundación EOI – Escola de Organización Industrial, pola que se procura mellorar a empregabilidade da mocidade galega, creando oportunidades a través de modelos de traballo cooperativo nun sector en continuo medre como o do Márketing Dixital.