Estás en:Novas

O ‘I Circuíto de piragüismo Deputación da Coruña’ bate récord de participantes con 444 deportistas incsritos para a proba do sábado en Outes

En cada unha das seis regatas que integran esta proba compiten deportistas das categorías base dos clubs da provincia, con idades entre 6 e 16 anos

O ‘I Circuíto de piragüismo Deputación da Coruña’ bate récord de participantes con 444 deportistas incsritos para a proba do sábado en Outes

Este sábado 23 de xullo celebrarase a cuarta proba do 'I Circuíto de piragüismo en augas tranquilas Deputación da Coruña' en Pontenafonso, Outes, con récord de participantes: 444 deportistas das categorías base dos clubs da provincia.

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, destacou hoxe "o éxito de convocatoria, que demostra que esta primeira edición do circuíto de piragüismo da Deputación está xerando unha elevada expectación entre os deportistas e clubs de piragüismo da provincia".

"Será a cuarta proba dun circuíto que xa se celebrou en Narón, Boiro e Betanzos, agora chega a Outes e culminará coas competicións de Ames e As Pontes", explicou a deputada.

Con idades entre 6 e 16 anos, farano nas seguintes categorías: pre-benxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete; nas correspondentes modalidades de caiac homes, caiac mulleres, canoa homes, canoa mulleres e paracanoe.

Os clubs con actividade da modalidade de piragüismo en augas tranquilas da provincia da Coruña son: Club Rías Baixas-Naut.Boiro, Club Grupo Xuvenil de As Pontes, Club Náutico Ría de Betanzos, Club Kayak Mar Ría Muros Noia, Sociedade Deportiva As Xubias, Club Náutico de Cambre, Club Deportivo Náutico de Miño, Club Ribeiras do Tambre, Club Cabanas KDM, Club Náutico Firrete, Club Piragüismo Rianxo, Club Piragüismo Narón e Escola de Piragüismo de Outes. Terá unha duración aproximada de cinco horas.

Esta competición organízase nun sistema de circuíto integrado por seis regatas, que teñen lugar na provincia da Coruña. Establécense clasificacións individuais e por equipos para cada regata, e unha clasificación final do circuíto por equipos. En cada regata entréganse medallas ou trofeo ás tres primeiras/os clasificadas/os de cada categoría e modalidade, ademais de trofeos aos tres primeiros clubs.