Estás en:Novas

Cambre acolle a primeira das seis feiras de dinamización do comercio local que impulsa a Deputación

O deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, o alcalde, Óscar García Patiño, e o edil de Desenvolvemento Socioeconómico, Diego Alcantarilla, acudiron á apertura do mercado

Participan unha vintena de comercios da localidade

Cambre acolle a primeira das seis feiras  de dinamización do comercio local que impulsa a Deputación

Unha vintena de comercios locais de todo o municipio exhibirán, durante estes días, os seus produtos e servizos na Feira de Oportunidades. Trátase dunha iniciativa posta en marcha polo Concello de Cambre e a Deputación da Coruña para dinamizar o tecido económico. O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, e o concelleiro de Desenvolvemento Socioeconómico, Diego Alcantarilla, acudiron, esta tarde, ao acto de inauguración do mercado, situado na contorna de Casa das Palmeiras, en pleno Paseo Marítimo do Temple.

García Patiño apuntou a "importancia" deste tipo de accións e iniciativas, que cualificou como "moi necesarias para seguir apoiando o tecido económico do concello, algo fundamental no contexto socioeconómico actual". Na mesma liña, o edil destacou "o compromiso deste goberno cos autónomos e as empresas, que materializamos a través das liñas de axuda ás asociacións de empresarios e o programa Consolida Cambre, entre outros".

Pola súa banda, o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo explicou que esta é a primeira dun total de seis feiras de dinamización do comercio local que, co apoio da Deputación da Coruña, se celebrarán durante o verán tamén nas Pontes, Arteixo, Betanzos, Carballo e Culleredo co obxectivo de apoiar o comercio local e axudar a dinamizar tamén outros sectores como a hostalaría.

A Feira de Oportunidades arrincou hoxe e estará dispoñible ata o domingo, día 24. Ao longo dos tres días, vinte negocios terán a oportunidade de dar a coñecer os seus artigos e prestacións ao público asistente. As persoas que se acheguen á cita poderán atopar postos dedicados á alimentación, á fotografía, estética e beleza, artesanía, complementos, así como outras casetas de venda de roupa, libros, manualidades, etc.

A Feira de Oportunidades do Temple está enmarcada dentro do proxecto de dinamización do ente provincial, e incluirá citas noutros municipios da provincia, sendo Cambre o primeiro no que se celebrará este mercado.