Estás en:Novas

A Deputación aproba no pleno investir 5,5 millóns de euros na mellora da seguridade viaria en varios concellos da provincia

Aprobáronse cinco proxectos relativos a ampliación de estradas e sendas peonís que afectan os concellos de Culleredo, Mesía, Vilasantar e Boiro

O presidente, Valentín González Formoso, destacou o esforzo investidor que está a realizar a administración para mellorar a seguridade viaria en toda a provincia e que a sitúan como o maior axente investidor de toda A Coruña.

A Deputación aproba no pleno investir 5,5 millóns de euros na mellora da seguridade viaria en varios concellos da provincia

A Deputación da Coruña aprobou hoxe no pleno ordinario un investimento de 5,5 millóns de euros para mellorar a seguridade viaria nos concellos de Vilasantar, Mesía, Culleredo e Boiro, e que están enmarcadas nos plans de vías e sendas provinciais.

O presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, destacou o esforzo que está a realizar a administración para mellorar a seguridade viaria en toda a provincia e o enorme esforzo investidor que a sitúan como o maior axente investidor de toda A Coruña.

Entre as obras aprobadas destaca o ensanche e mellora da seguridade viaria na DP-4701 entre os puntos quilométricos 0+923 ao 5+478, no Concello de Mesía, cun orzamento de 1.646.460 euros. A actuación comprende a ampliación e mellora da plataforma da estrada actual de 5 metros de anchura aproximada á unha sección de 7 metros de calzada e 0,5 de beirarrúas, incluíndo a execución de sendas peonís nos núcleos rurais atravesados pola estrada.

O pleno aprobou tamén o proxecto de mellora da seguridade viaria na senda peonil na DP-3205, no Concello de Vilasantar, unha obra que conta cun orzamento de 269.375 euros. Trátase da execución dunha senda peonil na marxe dereita da estrada no tramo comprendido entre o PQ 0+991 e o PQ 1+121, e na marxe esquerda, entre o PQ 1+121 e o PQ 1+690, e que permitirá unha adecuada seguridade para a circulación dos peóns.

Outra das actuacións aprobadas contempla o acondicionamento e mellora da seguridade viaria na DP-3104 en Liñares, no Concello de Culleredo, cun orzamento de 632.458 euros. O obxectivo é unir os núcleos de Tarrío e Alvedro a través dunha senda peonil. Neste caso trátase dunha actualización dos prezos do proxecto para proceder á súa contratación.

A obra consiste na mellora da seguridade viaria no tramo comprendido entre o PQ 0+815 e o final da estrada no PQ 2+407, mediante a construción dunha senda peonil e a mellora da plataforma existente nos PQ 1+400 a 1+500 e PQ 1+600 a 1+800. Na actualidade a estrada non conta con zona habilitada para a circulación de peóns, atravesando o núcleo de Liñares onde existen numerosas vivendas. Deste xeito, conseguirase un itinerario peonil accesible unindo o núcleo de Tarrío co núcleo de Alvedro pasando polo núcleo de Liñares.

Por outra banda, aprobouse outra actuación tamén no Concello de Culleredo, a mellora do trazado da senda na DP-0510, no tramo comprendido entre Confurco – Orro, cun orzamento de 1.671.420,89 euros.

Trátase neste caso do remate da actuación xa que o contrato inicial foi obxecto de rescisión. O proxecto inclúe a ampliación da estrada actual, cun ancho de calzada de 5 metros sen beiravías, a unha sección de carrís de 3 metros, beirarrúas de 0,5 m e senda peonil de 2,0 m. Ademais, proxéctase unha glorieta (no PK 2 000) que posibilitará os cambios de sentido reducindo xiros a esquerda.

E finalmente aprobouse o proxecto de ampliación e mellora de seguridade viaria na DP-1102 de Cespón a Vidres, no Concello de Boiro, e que conta cun orzamento de 1.283.922 euros. O novo proxecto contempla o remate das obras xa que o contrato inicial foi obxecto de rescisión. Realizarase ampliación e mellora de trazado en toda a estrada pasando do ancho actual de 5 m a unha sección de 8 m de anchura, mellorando o trazado mediante o suavizado de curvas. Inclúese a mellora de 300 m dunha estrada municipal que pasa a ser o novo tronco da estrada provincial, mentres que os primeiros 300 m da estrada provincial, substituídos polo novo trazado, repavimentaranse sen aumentar a súa anchura.