Estás en:Novas

A Deputación esixe á Xunta repoñer as paradas e liñas de bus interurbano suprimidas e implantar a gratuidade do transporte escolar para o alumnado de Bacharelato e Secundaria

O pleno do ente provincial aprobou a moción en defensa de melloras na prestación do servizo de transporte interurbano

Tamén demanda a urxencia a adopción das medidas necesarias o correcto cumprimento do servizo de trasporte interurbano afectado por atrasos, redución de frecuencias e supresión de servizos

A Deputación esixe á Xunta repoñer  as paradas e liñas de bus interurbano suprimidas e implantar a gratuidade do transporte escolar para o alumnado de Bacharelato e Secundaria

A Deputación da Coruña esixe á Xunta repoñer as paradas e liñas de autobús interurbano suprimidas e a implantar a gratuidade do transporte escolar para o alumnado de Bacharelato e Secundaria.

A moción presentada polo PSdeG- PSOE e o BNG no pleno celebrado esta mañá en defensa de melloras na prestación do servizo de transporte interurbano foi aprobada cos votos a favor de PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños e o voto en contra do Partido Popular.

A moción manifesta a urxencia de adoptar as medidas necesarias para acadar o correcto cumprimento do servizo de trasporte interurbano tal e como establece o prego licitado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Ademais, esixe repoñer as paradas e liñas suprimidas e implantar a gratuidade para o alumnado de Bacharelato e Secundaria na ruta de traslado do seu domicilio ao centro escolar independentemente do seu lugar de residencia, "por tratarse de menores que vén reducidos os dereitos de protección e non discriminación". A moción aprobada insta tamén á Xunta de Galicia a corrixir os pregos de contratación para que realice os cambios precisos de xeito que se dea unha resposta axeitada ás demandas da cidadanía.

Segundo a moción aprobada, son numerosas as queixas, ao longo de todo o territorio galego, de usuarios e usuarias, así como de colectivos e concellos no relativo ao funcionamento do servizo público de transporte por estrada: atrasos e reducións de frecuencias horarias, supresión de servizos sen previo aviso, falla de publicidade de horarios, falta de prazas nos autobuses, anuncios de melloras incumpridas.

De feito, esta situación non afecta a numerosos municipios da provincia. A Xunta non explica a causa da deficiente prestación deste servizo, sen especificar se o prego de contratación foi redactado de xeito incorrecto, non adaptándose á realidade, ou se ben é a empresa prestataría é a que está a incumprir ese contrato. A Consellería, neste caso a Dirección Xeral de Mobilidade, ten a competencia e a responsabilidade de garantir o seu correcto cumprimento polo que se demanda que corrixa canto antes estas deficiencias sinaladas por usuarios e concello da provincia.

A Deputación lembra que as liñas regulares do transporte interurbano, ao que os concellos fan unha achega económica, deixan sen servizo a centos de usuarios, tamén nos centros escolares, unha gravísima situación que supón deixar aos menores sos nas paradas e sen servizo de transporte escolar, como consta que ten acontecido.

Ademais, coa implantación das liñas integradas no servizo de transporte que empregan alumnado e pasaxeiros non estudantes, estase a esixir o pago ao alumnado de bacharelato das viaxes realizadas para acudir ao seu centro escolar. Isto significa que se corta o acceso a educación das/dos menores, polo que a moción esixe que o transporte do alumnado de bacharelato debe ser gratuíto e non se Ile deben pór trabas económicas que condicionen a posibilidade de continuar cos seus estudos.

Bens mobles do Pazo de Meirás e CRTVG

O pleno aprobou tamén por unanimidade unha moción presentada por Marea Atlántica instando á administración do Estado a interpor unha demanda civil reclamando os bens mobles do Pazo de Meirás, tanto os transmitidos en 1938 como os incorporados ata 1975, e a Xunta a incorporar os bens mobles do pazo á declaración das Torres de Meirás como sitio histórico.

Os portavoces dos distintos grupos destacaron que supón "un paso máis" no traballo realizado desde a Deputación para devolver o inmoble ao patrimonio público

O pleno tamén aprobou, co voto favorable de PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños a moción presentada por Marea Atlántica en apoio "aos traballadores e traballadoras da CRTVG e na defensa da súa liberdade de expresión" e polo que se solicita "o fin do control e manipulación dos medios públicos".

A Deputación manifesta a súa solidariedade coa Plataforma "Defende a Galega", que leva convocados xa 219 "venres negros" e insta á Xunta a recoñecer e reparar os danos causados ao vulnerar a liberdade de expresión do xornalista Carlos Jiménez, tal como recoñece a sentenza firme do TSXG.

Trens Alvia

O pleno aprobou tamén por unanimidade a moción presentada polo PP demandando ao Goberno de España a dotación inmediata dos trens Avril que permita a chegada da alta velocidade ás cidades de Santiago, A Coruña, Pontevedra e Vigo e modernización das infraestruturas ferroviarias para que Ferrol e Lugo se conecten tamén á Alta Velocidade.