Estás en:Novas
A deputada, Sandra González, asistiu á inauguración do evento e indicou que Equiocio é un evento "único que une o deporte, a cultura, a gastronomía, o respecto polos animais, a sensibilización co coidado do medio ambiente e o turismo dun xeito dinámico"

A Deputación destaca o gran potencial turístico e deportivo de Equiocio como un certame hípico de referencia internacional

A Deputación destaca o gran potencial turístico e deportivo de Equiocio como un certame hípico de referencia internacional

A Coruña, 05 de agosto de 2022. A Deputación da Coruña destaca o enorme potencial turístico e deportivo de Equiocio. Un certame que mantén firme tamén o seu empeño de converterse en escaparate de promoción do Xeodestino Ferrolterra, e para iso contará con postos turísticos de oito municipios e da Mancomunidade de Ferrol. Puntos de información que animarán ao público a aproveitar a visita ao evento para coñecer a comarca.


A Deputación colabora, un ano máis, no Equiocio, o certame hípico que reúne a xinetes e amazonas de diferentes puntos de España e Portugal. Esta XXXI edición celébrase do 4 ao 7 de agosto no ferrolán Campo das Cabazas, en Covas.


A deputada, Sandra González, asistiu á inauguración do evento e indicou que Equiocio é un evento "único que une o deporte, a cultura, a gastronomía, o respecto polos animais, a sensibilización co coidado do medio e o turismo dun xeito dinámico, colaborativo e inclusivo". Equiocio é un espazo que favorece a sinerxia entre a sostibilidade e a natureza, sendo un recurso turístico de gran proxección internacional ademais dun evento deportivo de alto nivel onde tamén se crea conciencia polo respecto ao medio e a súa conservación.


Durante catro xornadas o campo das Cabazas acolle un evento único na comarca consolidándose como un referente no mundo da hípica, algo que xa conseguira durante a pandemia pese ás restricións, mesmo alcanzando o milleiro de visitantes. Nesta XXXI edición participan 300 cabalos e 280 xinetes e amazonas volvendo a bater récords como o de saída á pista, con 320 diarias. Pero Equiocio é moito máis que hípica.
En total, o programa oficial inclúe máis de 40 propostas diferentes para distintos públicos como obradoiros de reciclaxe creativa ou de lingua de signos, festival de mascotas, charlas, rutas de sendeirismo, btt ou cine ao aire libre. Ademais, este ano recupérase o ciclo de concertos nocturnos liderado por grupos locais (con directos de Mos, Malditos Pendejos, Susana Adalid e Los Limones) e unha oferta gastronómica de auténtico luxo, da man da Consellería do Mar.


Destaca tamén o PequeOcio, epicentro das actividades infantís en Equiocio, onde se ofrecerá aos máis pequenos e pequenas a oportunidade de coñecer o mundo dos cabalos e ter máis conciencia sobre o coidado da natureza a través de actividades lúdicas como obradoiros de cociña ou os xogos de toda a vida (futbolín ou as damas).
Ademais, agradece todo o traballo e esforzo realizado polo persoal que se implicou e segue a implicarse estas xornadas no proxecto remarcando tamén que a Deputación seguirá colaborando para darlle maior visibilidade a Equiocio posto que "temos moito que ofrecer, e estes días amosarémosllo ao mundo".