Xose Lois Penas: “Logo do éxito da edición pasada estamos encantados de volver colaborar con Espazos Sonoros”
O responsable provincial de Patrimonio confirmou a axuda que a Deputación volverá a comprometer co festival, que se presentou esta mañá e que se celebrará entre o 3 e o 25 de setembro
O festival porá en valor lugares de distintas comarcas da Coruña como o castelo de Naraío, o mosteiro de Caaveiro, Borneiro, o Dolmen de Dombate, as Terras rosalianas ou a lagoa de Sobrado
A Deputación da Coruña volverá colaborar, por segundo ano, con Espazos Sonoros, que se celebrará entre o 3 o 25 de setembro. Así o confirmou o responsable provincial de Patrimonio, Xosé Lois Penas, durante a presentación do festival na sede da institución. Penas estivo acompañado pola directora artística do ciclo, Belén Bermejo.
"Logo do éxito da edición pasada", dixo Penas, "estamos encantados de volver colaborar", cunha programación que cualificou de "espectacular". O deputado agradeceu o labor "inmenso e magnífico que se está a facer desde o equipo de Espazos Sonoros".
Baixo o lema "memoria dos lugares, voz do tempo", esta nova entrega continúa a unir música e patrimonio para deitar unha ollada sobre o pasado que nos permita observar e interpretar o presente para albiscar no futuro.
Bermejo, pola súa banda, salientou que "non é un macrofestival e non pretende selo, traballamos para chegar ao máis próximo e abrir xanelas que nos acheguen ao que pasa no mundo". É por iso que o cartel combina proxectos de experimentadas formacións galegas con figuras convidadas do máis alto nivel internacional. Así, ofrécese a oportunidade de escoitar á cantante arxentina Diana Baroni, co Grupo de Música Antiga 1500 no proxecto Dous Mares, o poliédrico Abraham Cupeiro, a capela ao completo dos Ministriles de Marsias, o arpista Manuel Vilas, o Austrian Baroque Company canda o violinista Florian Hasenburger ou La Spagnoletta co contratenor Miguel Ulla.
Ademais, a programación propón unha serie de actividades ligadas aos concertos, que permitirán coñecer de preto os espazos nos que teñen lugar e as súas contornas. O castelo de Naraío, o mosteiro de Caaveiro, Borneiro, o Dolmen de Dombate, as Terras rosalianas ou a lagoa de Sobrado serán os escenarios privilexiados aos que Espazos Sonoros se achegará nesta edición.
Igualmente, o cartel continúa a aposta pola visibilización das paisaxes organísticas, facendo na súa última semana parada en Santiago de Compostela con dous concertos nun dos órganos máis interesantes que se conservan en Galicia, o de San Paio. Unha novísima organista, Ana Aguado, canda o grupo Favola d'Argo, serán as encargadas de facer soar este instrumento.
Os concertos son de balde e a entrada libre, até completar a capacidade, excepto nos espazos en Caaveiro e o Dolmen de Dombate, que teñen prazas limitadas. No catálogo e na web http://www.espazossonoros.org poden consultarse as actividades para as que cómpre realizar unha inscrición previa.