Estás en:Novas

O deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, asistiu en Dodro ao nomeamento da rúa Moncho Reboiras

"A de hoxe tamén é unha homenaxe a todas aquelas persoas e colectivos que durante anos lembran cada 12 de agosto a figura deste destacado dirixente político en actos como os que se celebran en Imo e Ferrol", salientou Penas

O deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, asistiu en Dodro ao nomeamento da rúa Moncho Reboiras

O responsable de Patrimonio e Contratación da Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas, asistiu esta mañá en Dodro á inauguración da rúa Moncho Reboiras, acto organizado polo concello no día en que se cumpren 47 anos do asasinato do sindicalista, político nacionalista e opositor á ditadura franquista.

O concello de Dodro aprobou a iniciativa na sesión do pleno celebrado no mes de xuño para "recoñecer e lembrar un veciño perseguido e asasinado polo franquismo polas súas ideas políticas".

Na homenaxe celebrada hoxe colocáronse tres placas, unha delas na vivenda onde foi velado o corpo de Moncho Reboiras en agosto de 1975. Durante a lembranza interviron o irmán do homenaxeado, Manolo Reboiras; o alcalde da localidade, Xavier Castro, e o promotor da iniciativa e tenente de alcalde, Xoán Bautista Mariño.

Penas salientou "o exercicio de democracia, de lembranza e de recuperación que dá continuidade ao recoñecemento, polo Consello de Ministros en 2009, de Moncho Reboiras como vítima do franquismo". "Mais a de hoxe", engadiu, "tamén é unha homenaxe a todas aquelas persoas e colectivos que durante anos lembran cada 12 de agosto a figura deste destacado dirixente político en actos como os que se celebran en Imo e Ferrol".