Estás en:Novas

A Deputación inviste este ano 450.000 euros en bolsas para apoiar proxectos de investigación e perfeccionamento de estudos artísticos de 45 mozas e mozos da provincia

Acaba de publicarse a concesión definitiva dos 20 proxectos de investigación financiados pola Deputación en diversos eidos, que van das ciencias da saúde ás artes e humanidades

As 25 bolsas de estudos artísticos permitirán aos novos talentos coruñeses completar a súa formación en centros de Estados Unidos, Reino Unido, Francia ou Holanda

A Deputación inviste este ano 450.000 euros en bolsas para apoiar proxectos de investigación e perfeccionamento de estudos artísticos de 45 mozas e mozos da provincia

A Deputación da Coruña vén de comunicar a concesión definitiva das súas bolsas de apoio a proxectos de investigación durante o curso 2022-2023.

Un total de 20 mozas e mozos da provincia da Coruña beneficiaranse destas axudas, coas que a Deputación pretende "ofrecer apoio e oportunidades a novos talentos coruñeses en diferentes ámbitos da investigación que van desde as ciencias da saúde, ás ciencias sociais e xurídicas ou as humanidades", segundo explicou o presidente, Valentín González Formoso, que detallou que estas bolsas suman un importe total de 200.000 euros, aos que se suman outros 250.000 € para perfeccionamento de estudos artísticos en centros de fóra de Galicia.

Con estas bolsas, a Deputación da Coruña apoia a 20 persoas con titulación universitaria que desenvolverán no curso 2022-2023, durante un período mínimo de nove meses, proxectos de investigación en artes e humanidades (5), ciencias (4), ciencias da saúde (5), ciencias sociais e xurídicas (4) e enxeñaría e arquitectura (2). Cada bolsa contará cunha achega de 10.000 euros.

O Goberno de Valentín González Formoso incrementou neste mandato tanto o número de bolsas (que pasaron de 40 a 45) como a súa contía, que subiu de 8.000 a 10.000 euros.

25 beneficiarios e beneficiarias das bolsas de perfeccionamento artístico

No caso das bolsas de perfeccionamento de estudos artísticos, a Deputación dedica 250.000 euros para financiar 25 axudas cunha achega de 10.000 euros cada unha.

A través delas, as persoas beneficiarias recibirán financiamento para custear o gasto derivado da realización de estudos artísticos fóra da comunidade autónoma durante o periodo 2022-2023 nalgunha destas áreas: audiovisual (2 bolsas), danza e artes do movemento (3), ilustración, artes plásticas e visuais (5), música (12) e teatro e interpretación escénica (3).

A Deputación vén de publicar a concesión definitiva das bolsas de artes pláticas e visuais e de teatro e interpretación, que permitirán a alumnos e alumnas coruñesas formarse en centros de Francia, Reino Unido, Nova York, Madrid, Granada ou Valencia. A concesión definitiva das restantes disciplinas darase a coñecer nos vindeiros días.

Os proxectos que obtiveron bolsa da Deputación poden consultarse na páxina web da institución provincial.

https://dacoruna.gal/educacion/bolsas