Estás en:Novas

O Plan único da Deputación da Coruña mellora as infraestruturas deportivas de Valdoviño

Valentín González Formoso visitou hoxe o campo de fútbol de Mourente, no que se renovou o céspede, a iluminación e proximamente contará con novos vestiarios

Valentín González Formoso visitou, xunto ao alcalde de Valdoviño, Alberto González, o campo e salientou que estas actuacións veñen a "suplementar un investimento de 1,2 millóns de euros en Valdoviño nos últimos catro anos en instalacións deportivas"

En Valdoviño investíronse 10 millóns de euros nos últimos 7 anos, dos que 5 millóns de euros corresponden ao Plan único, que permitiu financiar 25 obras no municipio

O Plan único da Deputación da Coruña mellora as infraestruturas deportivas de Valdoviño

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe o Concello de Valdoviño, no que a administración provincial está a mellorar, a través do Plan único, as infraestruturas deportivas do municipio.

González Formoso estivo no campo de fútbol de Mourente, que foi obxecto de renovación do terreo de xogo por unha herba artificial de última xeración e onde tamén se mellorou o sistema de iluminación. Estas actuacións permiten facer un uso intensivo do campo, posibilitando xogar e adestrar tamén pola noite. Ademais, proximamente executaranse uns novos vestiarios, que axudarán a completar esta infraestrutura deportiva. Nestas instalacións xogan e adestran máis de 150 persoas de todas as idades, pertencentes á SD Valdoviño, Escola de Fútbol base Amistade, e CD Rosalía de Vilaboa.

O presidente, que estivo acompañado do alcalde de Valdoviño, Alberto González, amosou a súa satisfacción ao "comprobar persoalmente o resultado dos investimentos que fai a Deputación da Coruña ao longo e ancho da provincia onde, cun plan de arredor de 100 millóns de euros anuais dedicado aos concellos, vemos que merece moito a pena o esforzo económico, material e de recursos que a Deputación dispón cada ano desde os últimos oito anos".

Centrándose no campo de fútbol de Mourente, explicou que "estamos a investir máis de medio millón de euros en actuacións neste complexo deportivo tan marabilloso, que se suman ao investimento de máis de 1,2 millóns de euros en Valdoviño nos últimos catro anos en instalacións deportivas".

Instalacións como o campo de fútbol de Meirás, que conta con terreo de xogo de herba artificial, a piscina ao aire libre de Lago, a nova cuberta e iluminación do pavillón polideportivo, ou a instalación de parques biosaudables. Os fondos do Plan único permitirán tamén acometer un gran proxecto como é o complexo deportivo de Atios, que incluirá pista deportiva, pistas de pádel, piscina cuberta climatizada e piscina terapéutica, ximnasio, vestiarios e unha cafetería con terraza, entre outros servizos e a través das 3 fases previstas.

Formoso destacou estes datos como "un claro exemplo da utilidade do Plan único para mellorar as infraestruturas e servizos municipais, ademais da calidade de vida dos veciños", deixando que sexan os concellos os que decidan cales son as súas prioridades á hora de investir os fondos da Deputación.

Pola súa parte, Alberto González, agradeceu "o traballo que fai a Deputación, favorecendo que os Concellos tomemos as decisións para poder investir e que poidamos determinar en que podemos gastalo, en que podemos traballalo, falando cos clubs, coa xente". "Para un municipio pequeno como o noso, pero que necesitaba unha renovación das infraestruturas deportivas, isto era algo vital", expresou.

O rexedor agarda que estas instalacións "sexan un atractivo para que a xente poida seguir vivindo aquí, desde un punto de vista saudable e que queira vir a Valdoviño porque se dan estas ofertas deportivas" e lembra que tamén se fixeron atendendo ao medio ambiente "a través da renovación dos sistemas de iluminación, tanto do polideportivo municipal como do campo de fútbol de Mourente, que nos axuda a aforrar e mellorar a eficiencia enerxética".

A Deputación da Coruña investiu nos últimos sete anos máis de dez millóns de euros para a mellora das infraestruturas de Valdoviño, dos que cinco millóns de euros corresponden a actuacións propiciadas polo Plan único, que neste período permitiu financiar 25 obras no municipio.

Tres proxectos para crear un complexo de alto nivel en Mourente

A renovación do céspede era unha das necesidades principais que tiña o campo de fútbol de Mourente xa que o antigo, de herba natural, atopábase continuamente en mal estado debido á planimetría do terreo de xogo e ao deficiente funcionamento da drenaxe.

Por iso, destináronse 349.180,05 euros para substituír o céspede por un novo de herba artificial de última xeración cunha superficie total de 104 x 60 metros e unhas dimensións de xogo de 99 x 57 metros que posibilitan a práctica, indistintamente, tanto de fútbol 11 como de fútbol 7. Ademais, executouse un sistema de drenaxe, a través de dúas quenllas situadas no límite coas bandas, que permitirá aproveitar esa auga para alimentar a rede de rega, a cal contará con canóns emerxentes de longo alcance.

Por outra banda, dedicáronse 47.709 euros a un proxecto de mellora da eficiencia enerxética no campo de fútbol. Esta actuación consistiu na substitución dos 16 proxectores de 2000W de haloxenuros metálicos que iluminaban o terreo de xogo por 28 proxectores LED. Para iso, realizouse un estudo lumínico, buscando mellorar a calidade e a distribución da iluminación, e conseguindo así unha iluminación máis adecuada e uniforme. O obxectivo destes traballos, ademais das melloras das condicións de iluminación, era conseguir unha redución no consumo eléctrico e un aumento da eficiencia enerxética.

Por último, para rematar esta renovación integral, acometerase proximamente un proxecto dotado de 129.000 euros para crear novos vestiarios. A edificación, de planta baixa, contará con 158,54 m2 construídos e estará composta por tres espazos de vestiarios, dous para os equipos e outro para os árbitros, e unha zona destinada a almacén e cuarto de instalacións. Todos os elementos serán accesibles a persoas con mobilidade reducida.