Estás en:Novas

Formoso comprométese coa Asociación de Empresarios de Pocomaco a trasladar ao Goberno as reivindicacións do proxecto da Cuarta Ronda

O presidente provincial realizou hoxe a primeira visita institucional á nova presidenta da entidade, Lucía López Teijeira,

Na reunión manifestou o apoio da Deputación da Coruña ao proxecto da Cuarta Ronda, unha infraestrutura necesaria para o desenvolvemento industrial da cidade

Ofreceulle a sumarse ao programa provincial de emprendemento escolar para o alumnado de institutos, do que xa forman parte outros polígonos

Formoso comprométese coa Asociación de Empresarios de Pocomaco a trasladar ao Goberno as reivindicacións do proxecto da Cuarta Ronda

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe a Asociación de Empresarios do polígono de Pocomaco, que representa a 500 empresas que conforman esta área empresarial coruñesa, e comprometeuse a trasladar ao Goberno de España as súas reivindicacións do proxecto da Cuarta Ronda.

No encontro, que supuxo a primeira visita institucional á entidade desde que a nova presidenta, Lucía López Teijeira, asumiu o cargo, González Formoso manifestou o apoio da Deputación da Coruña ao proxecto da Cuarta Ronda, un vial de 2,91 quilómetros que conectaría o final a AC-15 (conexión ao porto exterior) e a AC-14 (Terceira Ronda), conectando os polígonos de Pocomaco e Vío.

"É unha infraestrutura necesaria para o desenvolvemento industrial da cidade", afirmou o presidente, que destacou "o interese do proxecto para vertebrar as comunicacións da área coruñesa e impulsar conexións axeitadas de infraestruturas estratéxicas coma o porto exterior e os polígonos industriais, ademais de permitir habilitar novo solo industrial".

Para Formoso foi unha reunión "moi produtiva, vimos a coñecer á que é a primeira muller presidenta da Asociación do Polígono de Pocomaco, un polígono histórico da cidade da Coruña que aglutina a máis de 500 empresas e que nutre de postos de traballo, de futuro laboral, a toda unha comarca". "Quixemos concretar con eles diferentes actuacións, radiografiar a situación de cada empresa do polígono, cales son as súas expectativas de futuro, cales son as necesidades, onde podemos colaborar desde a Deputación en canto a infraestruturas, formación, apoio a actividade e iniciativas", explicou.

Neste sentido, ofreceulle á presidenta da asociación que se sumen ao programa de emprendemento escolar impulsado pola Deputación da Coruña desde hai uns anos, dirixido ao alumnado de diferentes institutos da provincia, e do que xa forman parte outros polígonos como o de Sabón e os das Pontes.

Lucía López amosouse "encantada de que haya venido hasta aquí el presidente de la Deputación, cualquier visita institucional es bien recibida en Pocomaco". "Llevamos 43 años existiendo como polígono, fomentando y creando empleo en A Coruña y queremos seguir haciéndolo por lo que toda la ayuda que pueda venir de las instituciones es necesaria", salientou.