Estás en:Novas

As Pontes acolle esta fin de semana a segunda das seis feiras de dinamización do comercio local que impulsa a Deputación

No evento, que terá lugar no lago pontés, participan preto de vinte comercios da localidade

As persoas asistentes poderán atopar postos dedicados a alimentación, moda, tatuaxe, cosmética, libraría...

As Pontes acolle esta fin de semana a segunda das seis feiras de dinamización do comercio local que impulsa a Deputación

Serán 18 os comercios locais que participen, durante esta fin de semana, na Feira de Oportunidades que a Deputación da Coruña celebra no Concello das Pontes, un novo proxecto de dinamización do comercio local que comezou en Cambre, continúa nas Pontes e posteriormente chegará a Carballo, Betanzos, Arteixo e Culleredo.

A feira terá lugar o sábado e o domingo, de 10 a 20 horas, no lago pontés e as persoas que se acheguen ata alí poderán atopar postos dedicados a alimentación, moda, tatuaxe, cosmética, libraría... Ademais, nun dos postos haberá un taller de artes.

A Deputación realizou un contrato para o desenvolvemento dunha serie de seis feiras entre concellos con poboación entre 10.000 e 50.000 habitantes que conten con Asociación de comerciantes e con mesa de comercio propia ou mesa de comercio da Deputación.

O fin destas é fundamentalmente apoiar os comerciantes e artesáns da provincia. As feiras terán unha duración máxima de 3 días (de venres a domingo). Comezou en Cambre do 22 ao 24 de xullo e, despois da das Pontes, continuará en Carballo, do 26 ao 28 de agosto, en Betanzos, do 2 ao 4 de setembro, en Arteixo, do 9 ao 11 de setembro, e rematan en Culleredo, do 16 ao 18 de setembro.