Estás en:Novas

A Deputación destina 80.000 euros para financiar a humanización da rúa Coruña, no Concello de Ordes

Valentín González Formoso e Ana María Soneira Liñares asinaron o convenio para levar a cabo o proxecto, que inclúe a realización dun novo pavimento, coas beirarrúas, carrís e aparcadoiros ao mesmo nivel

A Deputación destina 80.000 euros para financiar a humanización da rúa Coruña, no Concello de Ordes

A Deputación da Coruña financiará as obras de humanización da rúa Coruña no Concello de Ordes, un proxecto para o que achegará un total de 80.000 euros.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a alcaldesa en funcións, Ana María Soneira Liñares, xunto co deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, asinaron o convenio de colaboración entre ambas entidades polo que a Deputación achegará 80.000, o 69% do orzamento total da obra, que ascende a 115.000 euros.

A actuación centrarase na realización dun novo pavimento para a citada rúa, nunha lonxitude de 200 metros por unha anchura media de 8 metros. O que se quere conseguir con esta obra é ter ao mesmo nivel as beirarrúas, os carrís de circulación de vehículos e os aparcadoiros.

Así, demolerase o pavimento actual para instalar o novo, que será executado ao mesmo nivel nos primeiros 175 metros e nos derradeiros 25 metros procederase á mellora da capa de rodadura con seis centímetros de aglomerado en quente.

Por outra banda, o proxecto contempla a extensión de 25 metros da rede e pluviais existente e a execución de novas arquetas sumidoiro, a instalación de 380 metros de tubaxe para a rede de abastecemento, e, por último, a instalación da sinalización horizontal e vertical necesaria.