Estás en:Novas

A Deputación destina 325.000 euros para renovar o céspede artificial no campo de fútbol ‘Eugenio Pardo Conchado’, en Oleiros

Actualmente o céspede, do ano 2006, está nun estado deficiente e o sistema de drenaxe está roto ou obstruído

A actuación permitirá obter un terreo de xogo adecuado para o uso futbolístico, con base elástica para conseguir un maior amortecemento

O proxecto está en fase de licitación pública no perfil do contratante municipal ata o 29 de agosto

A Deputación destina 325.000 euros para renovar o céspede artificial no campo de fútbol ‘Eugenio Pardo Conchado’, en Oleiros

A Deputación da Coruña financia con 325.946,92 euros o proxecto para a renovación do céspede artificial e a reparación dos desniveis no terreo do campo de fútbol 'Eugenio Pardo Conchado', situado no Concello de Oleiros.

O proxecto, que está en fase de licitación pública no perfil do contratante municipal ata o 29 de agosto, conta cun orzamento total de 353.447,01 euros e pretende mellorar as condicións actuais nas que se atopan os diferentes elementos que compoñen o campo de fútbol.

A día de hoxe, o céspede, que foi instalado no ano 2006, está nun estado deficiente, cos filamentos totalmente horizontais e cun reparto de caucho e area moi desigual que dificulta o avance e bote do balón. A maiores, precisa dunha regularización do terreo debido aos desniveis que presente e que provocan inundacións no centro do campo. En canto á drenaxe, existen zonas nas que as canles perimetrais son antigas e están rotas, oxidadas ou obstruídas polo caucho.

A través desta actuación preténdese obter un céspede adecuado para o uso futbolístico, con base elástica para conseguir un maior amortecemento tanto para os botes do balón como para os xogadores, absorbendo mellor os impactos. Así, os traballos inclúen a regularización da base, a instalación dun céspede sintético de 45 mm. Fabricado mediante sistema Tufting, a substitución das canles perimetrais, a reforma do sistema de rego e, por último, a colocación de 2 porterías de fútbol 11, 2 de fútbol 7 abatibles e unha portátil regulamentaria.