A Deputación outorga 30 axudas para financiar investimentos e actividades medioambientais
O Boletín Oficial da Provincia recolle a concesión provisional dos dous programas de subvencións, que contan cun orzamento total de 275.000 euros
As achegas impulsarán proxectos como campos de voluntariado de educación medioambiental, brigadas deseucaliptizadoras, 'Defende o mar a través do surfing', 'Microscopia micolóxica', ou custodia do territorio e educación ambiental
O deputado de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, José Ramón Rioboo, destacou a implicación "que debemos ter desde as administracións públicas á hora de dar apoio ás organizacións que traballan neste senso para conseguir os obxectivos de desenvolvemento sostible marcados pola Axenda 2030"
A Deputación da Coruña dará apoio a 30 proxectos para o desenvolvemento de actividades e investimentos no ámbito medioambiental en 2022 con dúas liñas de axuda dotadas, en total, dun orzamento de 275.000 euros.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar hoxe a concesión provisional destas subvencións, que van dos 1.000 aos 15.000 euros por entidade beneficiaria. A través destas achegas fináncianse proxectos como: campos de voluntariado de educación medioambiental, brigadas deseucaliptizadoras, 'Defende o mar a través do surfing', 'Microscopia micolóxica', ou custodia do territorio e educación ambiental.
Por unha banda, no apartado de investimentos, a Deputación destinou 100.000 euros para financiar a adquisición de aplicacións informáticas, terreos e bens naturais, construcións, maquinaria, ferramentas, mobiliario ou elementos de transporte.
Pola outra banda, investíronse 175.000 euros para apoiar o desenvolvemento de proxectos de actividades no eido medioambiental financiando con este orzamento os bens e equipamento para levar a cabo accións, alugueiros e canons, traballos realizados por empresas, primas de seguros para as persoas que participen, publicidade, soldos, Seguridade Social e desprazamentos.
O deputado responsable da área de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, José Ramón Rioboo, subliñou que "nun contexto como o actual, estas subvencións contribúen ao coidado do planeta, co fin de defender o medio e protexer e mellorar a calidade de vida das persoas". O deputado provincial destacou a implicación e compromiso "que debemos ter desde as administracións públicas á hora de dar apoio ás organizacións que traballan neste senso para conseguir os obxectivos de desenvolvemento sostible marcados pola Axenda 2030".
Acceso ás resolucións provisionais publicadas no BOP:
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2022/08/25/2022_0000005230.pdf
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2022/08/25/2022_0000005231.pdf