Estás en:Novas

A Deputación financia con 213.000 euros a finalización da construción do Centro Social Multiusos de Carreira, en Ribeira

Valentín González Formoso e Manuel Ruíz Rivas asinaron hoxe o convenio polo que a Deputación achegará o 72% do orzamento total do proxecto, que ascende a 295.000 euros

O proxecto contempla o remate das instalacións, revestimentos interiores e exteriores, a carpintería interior e a urbanización da contorna

A Deputación financia con 213.000 euros a finalización da construción do Centro Social Multiusos de Carreira, en Ribeira

Deputación da Coruña financiará con 213.101,22 euros o proxecto de finalización do Centro Social Multiusos de Carreira, no Concello de Ribeira, de recente construción e que ten parte das instalacións e envolventes xa executadas.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas, asinaron hoxe o convenio polo que a administración provincial destinará 213.101,22 euros, o que supón o 72,09% do custo total do proxecto, que ascende a 295.580,58 euros. No acto estivo tamén presente o deputado de Patrimonio, Xose Luís Penas. 

O obxectivo da actuación é finalizar a construción do edificio, quedando listo para a súa posta en funcionamento. Así, os traballos contemplan o remate das instalacións, dos revestimentos interiores e da carpintería interior. Ademais, está prevista a urbanización da contorna mediante a demolición de parte dos muros e da escaleira existentes para a construción dunha nova escaleira que comunicará os dous niveis deste espazo público.