Estás en:Novas

A Deputación da Coruña financia o servizo de Asesoría Xurídica Social do Consorcio das Mariñas

González Formoso e Santiso Miramontes asinaron o convenio, que permite atender a persoas derivadas polos servizos sociais de Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada

O acordo permite contratar a dúas asesoras xurídicas especializadas en cuestións sociais e un administrativo que o ano pasado atenderon 656 consultas

Valentín González Formoso destaca que as consultas do ano pasado "demostran a utilidade dun servizo público innovador e compartido, que favorece a un amplo colectivo de persoas en situación de vulnerabilidade"

A Deputación da Coruña financia o servizo de Asesoría Xurídica Social do Consorcio das Mariñas

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente do Consorcio das Mariñas e alcalde de Abegondo, Jose Antonio Santiso Miramontes, asinaron na sede da institución provincial o convenio para o mantemento da Asesoría Xurídica Social do Consorcio das Mariñas durante o ano 2022, un servizo que dende hai anos vén prestando apoio xurídico especializado a persoas e familias derivadas polos servizos sociais dos oito concellos que integran o Consorcio (Abegondo, Betanzos, Bergondo Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada). No acto participou tamén o deputado provincial José Ramón Rioboo.

A Deputación da Coruña subvenciona este ano o 71% dos custos do servizo cunha cantidade anual que ascende a 60.000 euros e que permite a contratación de dúas asesoras xurídicas especializadas en cuestións sociais (estranxeiría, desafiuzamentos, dereito de familia, laboral, violencia de xénero...) e dun administrativo.

Segundo explicou Valentín González Formoso, o servizo, ao que cualificou de "innovador e compartido" que o ano pasado recibiu 656 consultas, o que amosa "a elevada demanda e a utilidade" deste para ofrecer apoio xurídico e asesoramento na resolución de conflitos ou problemáticas a un amplo colectivo de persoas cun alto grao de vulnerabilidade".

Tras unha valoración inicial por parte dos servizos sociais de cada concello a persoa é derivada ao servizo, a través dun protocolo xa establecido. A atención sempre é no propio concello de cada persoa usuaria do servizo.

As actuacións non se limitan a un simple asesoramento e orientación xurídica, senón que tamén se realiza a tramitación de procedementos, a elaboración de documentos, xestións ou intermediacións ante outros organismos ou entidades, mediación, apoio ao servizo de xustiza gratuíta prestado por outros profesionais, etc.

A atención e a frecuencia de asistencia a cada concello organízase en función da demanda e da poboación que hai en cada unha deles, asi vai dende os cinco días de atención mensuais nos concellos de mais poboación (Culleredo, Cambre e Oleiros) aos dous días ao mes nos máis pequenos (Abegondo, Carral e Bergondo), pasando polos catro días de atención nos dun tamaño intermedio (Betanzos e Sada). Este ano recupérase a atención exclusivamente presencial.

O presidente do Consorcio, José Antonio Santiso, explicou que se trata dun servizo "moi valorado por todos os concellos, dada a súa alta especialización" e púxoo como exemplo de "colaboración entre institucións, cun gran aforro de custos que lles permite aos concellos dispor dun servizo que, de xeito individual, sería imposible de manter".

"É moi importante mantelo xa que non existen recursos públicos ou privados dispoñibles similares para proporcionar esta atención", sostivo Santiso Miramontes.

A calidade da atención, a súa organización e a nova metodoloxía de intervención fai que este servizo sexa unha referencia no ámbito dos servizos sociais.