Estás en:Novas

A Deputación convoca a II edición dos premios de Boas Prácticas para entidades sociais da provincia

Os galardóns, que este ano incrementan a súa dotación económica ata os 40.000 euros, recoñecen o labor das entidades sociais da provincia

Formoso destaca que a Deputación quere axudar a visibilizar o importante traballo das entidades que contribúen a mellorar a vida dos colectivos máis desfavorecidos e das persoas que hai detrás delas

A través das súas liñas de subvencións, a Deputación apoia cada ano a máis de 250 entidades sociais da provincia

A Deputación convoca a II edición dos premios de Boas Prácticas para entidades sociais da provincia

A Deputación da Coruña convoca a segunda edición do Premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais, un recoñecemento ás entidades que traballan no eido social e na protección dos colectivos máis vulnerables na provincia.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases deste certame, que premiará o traballo realizado por entidades sen ánimo de lucro da provincia da Coruña, e das persoas que están detrás delas, a prol do benestar social das persoas con máis dificultades.

"Queremos que estes premios sexan un recoñecemento a todas aquelas entidades e persoas que cada día contribúen a mellorar a vida das persoas máis desfavorecidas, que traballan para construír unha sociedade mellor", afirmou o presidente provincial, Valentín González Formoso, que destacou "o labor fundamental" que prestan as entidades neste ámbito".

Pola súa banda, a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, destacou que nesta segunda edición increméntase o número e a contía dos premios, pasando de 3 premios de 5.000 euros a catro premios de 10.000 euros cada un.

"Desde a Deputación apoiamos o traballo de 250 entidades sociais cada ano, financiamos 386.000 horas de servizo de axuda no fogar, contratamos a 177 profesionais dos servizos sociais nos concellos e atendemos a máis de 2.500 persoas maiores co noso servizo de Teleasistencia. Son cifras que amosan que o eido social é un dos eixos fundamentais da acción desta institución", afirmou a deputada.

As bases establecen que as entidades que presenten os seus proxectos deberán desenvolver a súa actividade nalgunha destas áreas: familia, infancia e mocidade; persoas con diversidade funcional; persoas maiores; minorías étnicas e inmigración; drogodependencias e outros trastornos aditivos; ou situación ou risco de exclusión social.

A Deputación outorgará catro premios de 10.000 euros cada un; tres deles aos mellores proxectos exemplo de boas prácticas no eido social e un premio á traxectoria dunha entidade que destaque pola súa implicación na mellora da vida das persoas.

Na primeira edición deste certame, convocada o ano pasado as entidades premiadas foron ASPACE, Nuestra Señora de Chamorro e UTACA.

O prazo para presentarse determinarase no anuncio de publicación da convocatoria deste programa no BOP a través da Base de Datos Nacional de Subvencións. As propostas deberán achegarse de xeito telemático a través da plataforma SUBTeL da Deputación.