A Deputación insta a Teleperformance a manter o servizo de atención telefónica a clientes de Naturgy na provincia da Coruña
Na declaración institucional, asinada por todos os grupos, maniféstase o apoio da corporación ao cadro de persoal da empresa ante a intención desta de trasladar a Colombia a práctica totalidade do persoal
Reclámase á Xunta que lle esixa a Teleperformance e Naturgy o cumprimento efectivo do dereito da cidadanía galega a ser atendida en galego
O Pleno da Deputación da Coruña emitiu hoxe unha declaración institucional apoiada por todos os grupos que forman a corporación provincial pola que se insta á empresa Teleperformance a manter o servizo de atención telefónica a clientes de Naturgy na nosa provincia.
Segundo se explica no texto, a empresa ten a intención de trasladar a Colombia a práctica totalidade do persoal que presta servizo de asistencia telefónica aos clientes de Naturgy, a antiga Fenosa, quedando na Coruña unicamente 20 persoas das antigas 120 encargadas deste contrato co fin de poder atender en galego a aquelas persoas que así o soliciten, se ben, nin tan sequera esta parte mínima do contrato está garantida a medio prazo.
A Deputación considera que a deslocalización a Colombia deste servizo vai supor unha importante perda de postos de traballo na nosa provincia, ademais dunha baixada na calidade do servizo, derivada tanto do menor coñecemento técnico e mesmo xeográfico das novas teleoperadoras, como da rebaixa nas esixencias no control e xestión das bases de datos na lexislación colombiana respecto da española.
Por isto, a Deputación manifesta o seu apoio ao cadro de persoal de Teleperformance na Coruña ante a perda de postos de traballo, así como ás súas mobilizacións actuais e futuras e defende "outro modelo de atención ao cliente, que aposte por manter e aumentar eses postos de traballo en Galicia como garantía necesaria na defensa dos dereitos lingüísticos e de calidade de atención á cidadanía, así como para contar cun emprego de calidade e condicións laborais dignas para as persoas que traballan no sector".