A Deputación da Coruña forma ao seu persoal na atención ás persoas con discapacidade
Hoxe desenvolveuse a primeira das cinco formacións do protocolo en atención a persoas con discapacidade que a Deputación dirixe tanto ao seu persoal como aos concellos da provincia.
Persoas traballadoras da Deputación da Coruña e de concellos da provincia asistiron hoxe a unha formación coa que se lles pretende asesorar sobre a atención e o trato dirixido ás persoas con diversidade funcional. En total, foron trinta as persoas inscritas nesta xornada que foi presentada por Paula Filgueiras, técnica da área de Benestar Social encargada deste proxecto.
Esta formación, a primeira doutras catro máis que se van impartir, dálle continuidade ao proxecto Di Coruña Accesible, levado a cabo pola área de Benestar Social en 2019, e que nesta ocasión se retoma coa finalidade de seguir promovendo proxectos que garantan a igualdade entre todas as persoas, independentemente da súa condición.
Unha das conclusións de Di Coruña Accesible resaltaba a necesidade de crear un protocolo específico de atención ás persoas con discapacidade dentro da Deputación. Esta petición levouse a cabo durante este ano, finalizando na creación de seis guías que recollen pautas, recomendacións e exemplos de actuacións que se van levar a cabo.
A primeira destas guía é un protocolo que recolle pautas xerais e as cinco restantes son máis específicas, versando sobre pautas que se han seguir na atención directa coa persoa, na atención telemática, na xestión e soporte interno, no fomento das actividades e na comunicación e divulgación.
O protocolo realizouse tras unha análise pormenorizada de todos os servizos que presta a Deputación, onde se identificaron e concretaron as necesidades relacionadas coa atención ás persoas con discapacidade. Identificadas estas, elaborouse o protocolo de atención a persoas con discapacidade tendo en conta todas as tipoloxías da persoa para facilitar o acceso en igualdade de condicións e cun trato adecuado, de calidade e inclusivo.
Este proxecto foi realizado por Combina Social, Centro Especial de Emprego de Iniciativa Social promovido por COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) que iniciou este traballo na primavera deste ano, cando analizou a situación actual para crear protocolos máis efectivos.
A formación contou coa participación do técnico de COGAMI especialista en accesibilidade universal, Diego Piñeiro, quen explicou o protocolo de pautas xerais comúns a todos os postos de traballo, e a arquitecta e especialista en accesibilidade universal e deseño para todas as persoas, Belén Vaz, quen afondou no trato presencial dirixido, sobre todo, aos postos de traballo en contacto directo coa cidadanía.
A xornada rematou cun tempo dedicado á resolución de dúbidas e exposición de casos por parte do funcionariado quen tivo unha actitude moi activa e interesada nesta formación. A vindeira formación levarase a cabo o venres, 16 de setembro.