Estás en:Novas

Ábrese o prazo de inscrición para os obradoiros do Premio Ksado, a cargo do gañador do Pulitzer, Emilio Morenatti, e da editora gráfica, Maria Mann

Terán lugar os días 5 e 6 de outubro no Centro Ágora da Coruña e serán de balde até completar o aforo dispoñible para cada sesión. Será preciso inscribirse a través do formulario en liña que se activará ás 09:00h do xoves 15 de setembro

O gañador da presente edición do Premio Ksado, o ourensán Brais Lorenzo, impartirá unha masterclass o 3 de outubro na Facultade de Xornalismo e, ao día seguinte, inaugurarase no Museo do Pobo Galego a exposición que recolle as series gañadora e finalistas

O recoñecemento de 'Fotógrafo histórico' concederáselle a Juan e Perpetua Malvárez nun acto institucional que terá lugar o 3 de outubro en Muros

Ábrese o prazo de inscrición para os obradoiros do Premio Ksado, a cargo do gañador do Pulitzer, Emilio Morenatti, e da editora gráfica, Maria Mann

Entre o 3 e o 6 de outubro desenvolveranse as actividades complementarias da convocatoria do Premio Luis Ksado de Creación Fotográfica do ano 2022, e que se desenvolverán na Coruña, en Santiago de Compostela e en Muros.

O gañador da presente edición do premio, o fotoxornalista ourensán Brais Lorenzo, será o encargado de dar o pistolezado de saída a esta nova xeira de actividades que terán como protagonistas tanto a fotografía máis actual como o recoñecemento á figura de 'Fotógrafo histórico', que homenaxeará a Juan e Perpetua Malvárez, pai e filla, naturais de Muros. Así, o día 3 de outubro ás 11h, Brais Lorenzo impartirá unha masterclass na Facultade de Xornalismo, na que compartirá co alumnado a serie fotográfica 'Lume' coa que se alzou co premio Luis Ksado na súa XVI edición.

Esa mesma tarde, ás 19h, en Muros terá lugar o acto institucional de recoñecemento a Juan e Perpetua Malvárez, no que se homenaxeará por vez primeira a figura dunha muller fotógrafa da provincia. Tras o acto institucional, terá lugar a mesa redonda sobre o seu legado na que participarán o deputado de Cultura, Xurxo Couto, o profesor de historia da USC, Isidro Dubert, e a neta de Juan Malvárez, Josefina Malvárez. A mesa estará moderada polo fotógrafo e comisario do Premio, Xurxo Lobato.

Ao día seguinte, o martes 4 de outubro, a actividade principal trasládase de novo a Compostela, concretamente ao Museo do Pobo Galego, coa inauguración da mostra que recolle as series gañadora e seleccionadas na presente edición do Premio. A serie gañadora, 'Lume' de Brais Lorenzo (Ourense), estará acompañada das series 'Paisaxes da inexistencia' de Belén Lozano López (Lugo); 'La escoria rebelde' de Fuco Reyes (Compostela); 'Máscaras del Entroido Gallego. Festival VIBO 2022' de Carlos González Ximénez (Madrid); 'Europa "not welcome" de Sergi Cámara (Barcelona); e 'Vulcanonautas' de Arturo Rodríguez (Tenerife).

Mentres, os días 5 e 6 de outubro terán lugar cadanseu obradoiros no Centro Ágora, a cargo do gañador do premio Pulitzer, Emilio Morenatti, e da editora gráfica internacional, Maria Mann. Ambas sesións serán en horario de tarde, entre as 16:30h e as 20h.

A asistencia, ao igual que en edicións anteriores, será de balde até completar o aforo dispoñible. Será preciso formalizar a inscrición a través do formulario en liña que se activará ás 09:00h do xoves 15 no seguinte apartado da web da Deputación https://dacoruna.gal/cultura/premios/ksado/inscricion/

Emilio Morenatti vén de recibir o premio Pulitzer en 2021 polo seu traballo sobre o impacto da pandemia nas persoas maiores. O fotoxornalista da axencia The Associated Press converteuse, deste xeito, no primeiro español en recibir este prestixioso recoñecemento na categoría de reportaxe fotográfico. Maria Mann, pola súa banda, foi directora de relacións internacionais da European Pressphoto Agency en Frankfurt, directora de noticias de Corbis en París, directora de fotografía para América da Agence France-Presse, editora de fotografía de AFP en París, membro de Talleres da Fundación SIP / Knight para Periodismo Avanzado en América Latina, e profesora en Lituania, nos obradoiros militares do Pentágono, e en China.