Estás en:Novas

O RC Deportivo gaña o primeiro Trofeo Alevín de fútbol 8 da Deputación da Coruña

O subcampión foi o Atlético Coruña Montañeros, o premio ao xogo limpo foi para o Fisterra e o mellor xogador para Iker Obeso, do RC Deportivo de la Coruña

O torneo estivo organizado en colaboración coa Federación Galega de Fútbol e a SD Compostela e participaron 336 nenos e nenas de 24 equipos da provincia

O RC Deportivo gaña o primeiro Trofeo Alevín de fútbol 8 da Deputación da Coruña

O RC Deportivo de la Coruña alzouse co primeiro Torneo Alevín F-8 Deputación da Coruña, que se celebrou a pasada fin de semana no campo das Cancelas de Santiago de Compostela e que estivo organizado en colaboración coa Federación Galega de Fútbol, a SD Compostela e o Concello de Santiago, que cedeu a instalación deportiva para o campionato.

Na entrega de premios, na que participaron a deputada de Deportes, Cristina Capelán, a concelleira de Deportes do Concello de Santiago, Esther Pedrosa, e os deputados Antonio Leira e Evaristo Ben; recoñeceuse tamén ao subcampión, o Atlético Coruña Montañeros; ao gañador do premio ao xogo limpo, a SD Fisterra; ao campión e subcampión da final de consolación; o Santa Cruz e a SD Fisterra; e ao mellor xogador do torneo, Iker Obeso, do RC Deportivo de la Coruña, entre outros.

A competición celebrouse en formato de Fútbol-8 mixto para categoría alevín (nados nos anos 2009 e 2010). Na cita participaron un total de 336 nenos e nenas de 24 equipos da provincia. Ademais, programáronse actividades de lecer paralelas.