Estás en:Novas

Noventa entidades deportivas da provincia reciben 573.910 euros en axudas da Deputación para mellorar o seu equipamento

"O apoio da Deputación da Coruña contribúe a manter a actividade e a mellorar as infraestruturas de centos de clubs en competicións de todas as disciplinas e categorías deportivas, axudando a situar aos equipos coruñeses na vangarda do deporte galego", apunta a deputada de Deportes, Cristina Capelán

Noventa entidades deportivas da provincia reciben 573.910 euros en axudas da Deputación para mellorar o seu equipamento

FOTO: A deputada de Deportes, Cristina Capelán, nunha visita ao pavillón polideportivo de Cedeira

A Deputación da Coruña vén de conceder 90 subvencións a entidades deportivas da provincia sen ánimo de lucro por un valor de 573.910,62 euros. As axudas destinaranse a infraestruturas e equipamento deportivo.

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, sinalou que a Deputación destina este ano 3,3 millóns de euros en diferentes liñas de axudas a entidades deportivas da provincia para fomento do deporte, competición federada en diferentes categorías, apoio a grandes eventos deportivos e dotación de novos equipamentos e infraestruturas.

"As liñas de subvencións deportivas da Deputación da Coruña contribúen a manter a actividade e a mellorar as infraestruturas de centos de clubs en competicións de todas as disciplinas e categorías deportivas, axudando a situar aos equipos coruñeses na vangarda do deporte galego", apuntou Cristina Capelán, que detallou que 679 entidades deportivas da provincia reciben o apoio da Deputación este ano.

As axudas para equipamentos, que oscilan entre os 1.800 e os 9.000 € destínanse a entidades como ADECO-DEA para adquirir un vehículo adaptado; á Asociación Cultural R. Grupo Bazán de Ferrol para adquirir material para a práctica de diferentes modalidades deportivas; ao Club Ciclista Terras do Eume para equipamento de adestramento; ao Club de Remo Cedeira, para a compra dunha embarcación de remo olímpico 2X e 10 remos; ao centro deportivo Mariñeiro de Mera para adquirir un remolque de transporte de embarcacións, Club Náutico Firrete de Pontedeume para a compra de piraguas, ao Club Deportivo Inclusivo ENKI para adquisición de material deportivo adaptado; á Federación Galega de Baloncesto para dotarse dunha pista de 3x3 completa ou á Sociedade Deportiva O Salgueiro para mellorar a eficiencia enerxética coa substitución de xanelas e porta do ximnasio, entre outras.

Pódese consultar a lista completa no BOP de onte luns, 19 de setembro:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2022/09/19/2022_0000005791.html