Muros acolle o recoñecemento a Juan e Perpetua Malvárez como Fotógrafos históricos
O responsable provincial de Cultura, Xurxo Couto, e alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, encabezarán o acto institucional que se celebrará na Casa da Cultura
A Casa da Cultura de Muros acollerá o 3 de outubro o recoñecemento da figura de 'Fotógrafo histórico' que se vén organizando nos últimos anos ao abeiro do premio Luís Ksado de Creación Fotográfica, convocado pola Deputación da Coruña. Nesta edición son dous os homenaxeados, os muradáns Juan Malvárez e a súa filla Perpetua, a segunda muller en recibir esta distinción.
A xornada comezará ás 19 horas cun acto institucional encabezado pola alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, e polo responsable provincial de Cultura, Xurxo Couto, e no que tamén participa a neta do homenaxeado, Josefina Malvárez. Ás 19.30 horas celebrarase unha mesa redonda na que, ademais de Couto e de Málvarez, participarán Isidro Dubert, profesor de Historia na Universidade de Santiago de Compostela, e, como moderador, o fotógrafo Xurxo Lobato, comisario do premio Ksado.
"Baixo o selo 'Foto Malvárez'", afirma Couto para explicar os méritos de Juan e de Perpetua Málvarez ao recoñecemento, "está recollida a memoria social e as memorias familiares e particulares de toda unha comarca ao longo de practicamente un século". "Falamos", engade, "dun fotógrafo e unha fotógrafa que durante a súas respectivas traxectorias profesionais tiveron que vogar entre dous mundos: entre as herdanzas decimonónicas e os novos estilos de comezos do século XX, no caso do Juan Malvárez; e na transición do branco e negro cara a cor e cara novas incorporacións técnicas propias do auxe e popularización da fotografía, no caso de Perpetua Malvárez".
Couto fala tamén da oportunidade e pertinencia de que Perpetua reciba o recoñecemento. "Este premio ten ademais a particularidade de incluír, por segunda vez, a figura dunha muller fotógrafa, unha muller que cando iniciou a súa traxectoria profesional se erixiu, con modestia pero con determinación, nunha sorte de pioneira en desempeñar un traballo aínda vinculado exclusivamente aos homes."