Estás en:Novas

A Deputación destina 1,3 millóns de euros para obras de mellora da seguridade viaria en Santiago de Compostela e Culleredo

Na DP-7803, en Santiago, crearase unha senda peonil de 1,80 metros de ancho

Na DP-3109 e na DP-1705, en Culleredo, levarase a cabo unha completa actuación de mellora de pavimentos, accesibilidade e humanización da contorna

A Deputación destina 1,3 millóns de euros para obras de mellora da seguridade viaria en Santiago de Compostela e Culleredo

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe dous proxectos de mellora da seguridade viaria en estradas provinciais de Santiago de Compostela e Culleredo para os que inviste, en total, 1.305.077,72 euros.

Por unha banda, a Corporación provincial ratificou a actualización de prezos proposta para a obra de construción dunha senda peonil na estrada DP-7803, en Santiago de Compostela.

Neste caso o orzamento final será de 941.049,44 euros, un 24,79% máis do previsto inicialmente, e a actuación permitirá ampliar a beiravía actual, que pasará do medio metro actual aos 2,80 metros de ancho, para, co espazo gañado, crear unha senda de 1,80 metros de ancho e repoñer unha beiravía dun metro. Nun tramo puntual, no que existen núcleos de vivendas, executaranse beirarrúas con bordos.

Introdúcense tamén lixeiros axustes no deseño da senda no tramo situado entre os PK 0+600 e 0+800 co obxecto de adaptar o deseño inicial nun tramo con presenza de vivendas para reducir as superficies que se han expropiar.

Culleredo

Pola outra, na DP-3109 e na DP-1705, que forman parte da Rúa do Concello e da Rúa José Ramallo do Concello de Culleredo, ambas situadas ao carón da casa consistorial, realizarase unha completa obra de mellora de pavimentos, accesibilidade e humanización da contorna.

O proxecto, que conta cun investimento de 364.028,28 euros, permitirá darlle máis protagonismo ao peón que aos vehículos. Así, xerarase dunha única plataforma de pedra e formigón desactivado que unirá as fachadas dos edificios que lindan coa casa consistorial, os ámbitos da Igrexa de Santo Estebo e o parque municipal de Tarrío. A nova sección obrigará a diminuír a velocidade aos condutores que, de xeito inconsciente, buscarán rutas alternativas e reducirase o paso de vehículos pola zona. Esta 'praia' de pedra e formigón desactivado creará unha unión espacial e logrará a integración urbana na contorna o que, unido á mellora da mobilidade, dará unha condición de humanización. Ademais, reducirase o desnivel entre a calzada e a beirarrúa, deixando unha diferenza de 3 centímetros, e renovarase a rede de pluviais, de saneamento e de iluminación.