Semana de actividades do Premio Ksado coa homenaxe ao Fotógrafo Histórico en Muros, a exposición no Museo do Pobo Galego e os obradoiros de Emilio Morenatti e Maria Mann
O recoñecemento de 'Fotógrafo histórico' concédeselle a Juan e Perpetua Malvárez nun acto institucional que terá luar esta tarde na Casa da Cultura de Muros
O martes inaugurarase no Museo do Pobo Galego a exposición que recolle a serie gañadora 'Lume' do ourensán Brais Lorenzo, e as series finalistas
O mércores e xoves, no Centro Ágora da Coruña terán lugar os obradoiros de fotografía a cargo do Premio Pulitzer, Emili Morenatti, e da editora gráfica internacional, Maria Mann
Comeza a semana de actividades do Premio Ksado de Creación Fotográfica co recoñecemento ao 'Fotógrafo Histórico' esta tarde en Muros, e continúa mañá coa apertura da exposición das coleccións gañadora e finalistas no Museo do Pobo Galego, e o mércores e xoves cos obradoiros de fotografía no Centro Ágora da Coruña, a cargo do gañador do premio Pulitzer, Emilio Morenatti, e da editora gráfica internacional, Maria Mann.
Esta mesma tarde, ás 19h, na Casa da Cultura de Muros terá lugar o acto institucional de recoñecemento a Juan e Perpetua Malvárez, e no que participarán a alcaldesa da localidade, Inés Monteagudo, o deputado de Cultura da Deputación, Xurxo Couto, a neta de Juan Malvárez, Josefina Malvárez, e o fotógrafo e comisario do Premio, Xurxo Lobato. Tras o acto institucional, terá lugar a mesa redonda sobre o seu legado na que participarán o deputado de Cultura, Xurxo Couto, o profesor de historia da USC, Isidro Dubert, e a neta de Juan Malvárez, Josefina Malvárez. A mesa estará moderada por Xurxo Lobato.
Mañá,martes 4 de outubro, a actividade principal trasládase a Compostela, concretamente ao Museo do Pobo Galego, coa inauguración da mostra que recolle as series gañadora e seleccionadas na presente edición do Premio. A serie gañadora, 'Lume' de Brais Lorenzo (Ourense), estará acompañada das series 'Paisaxes da inexistencia' de Belén Lozano López (Lugo); 'La escoria rebelde' de Fuco Reyes (Compostela); 'Máscaras del Entroido Gallego. Festival VIBO 2022' de Carlos González Ximénez (Madrid); 'Europa "not welcome" de Sergi Cámara (Barcelona); e 'Vulcanonautas' de Arturo Rodríguez (Tenerife).
Mentres, os días 5 e 6 de outubro terán luar sendos obradoiros no Centro Ágora, a cargo do gañador do premio Pulitzer, Emilio Morenatti, e da editora gráfica internacional, Maria Mann. Ambas sesións serán en horario de tarde, entre as 16:30h e as 20h.