A Deputación remata as obras de mellora da seguridade viaria na travesía urbana de San Xoán de Filgueira a Catabois, en Ferrol
Valentín González Formoso avaliou, acompañado do alcalde de Ferrol, Ángel Mato, a fin dos traballos, que tiveron un orzamento de preto de 800.000 euros
A actuación incluíu a ampliación da estrada, creación de beirarrúas e zonas de estacionamento, a canalización de pluviais e o soterrado da iluminación
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, avaliou, acompañado do alcalde Ferrol, Ángel Mato, o remate das obras na travesía de San Xoán de Filgueira a Catabois, ás que a Deputación da Coruña dedicou un orzamento de 797.756,42 euros para mellorar a seguridade de vehículos e peóns e humanizar a contorna.
As obras consistiron en dotar a estrada provincial DP-3604, no tramo urbano que vai dende o punto quilométrico 0+900 ao 1+801, na cidade de Ferrol, de beirarrúas de baldosa hidráulica de 2 metros de ancho nos puntos onde non existen, así como ensanchar a plataforma da vía, que contaba con apenas 6 metros de ancho, ata os 8 metros (7 metros de calzada e beiravías de 0,5 metros en ambas as dúas marxes da vía).
A actuación incluíu a creación de novas zonas de estacionamento de vehículos, canalización de pluviais e servizos afectados, o soterramento da rede de iluminación pública, nova sinalización vertical e horizontal e pavimentación da totalidade do tramo.