Noar, Mallou e Madalena Gamalho, finalistas do Concurso Fran Pérez “Narf" de música
A final terá lugar no seo dunha gala no Teatro Colón da Coruña o vindeiro 19 de novembro
Os grupos elixidos son boa mostra da calidade e diversidade que poboa hoxe en día a música galega
O xurado do Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña, reuniuse esta mañá, e tras a deliberación, vén de facer públicas as tres bandas finalistas: Noar, Mallou e Madalena Gamalho. A proposta gañadora será elixida durante unha gala final que terá lugar no Teatro Colón da Coruña o sábado 19 de novembro e que estará aberta ao público –como en anos anteriores, a asistencia será de balde previa retirada de convites-.
O xurado do Premio 'Narf' está composto, nesta edición, polo xornalista e director do Festival de Cans Alfonso Pato; o crítico musical Fernando F. Rego; os músicos Marcos Teira e Marisol Palomo -tamén xestora cultural-; e a mánager e xestora cultural Inés Portela. A reunión estivo presidida polo deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, e como secretaria actuou Mercedes Fernández-Albalat Ruiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes.
Convén lembrar que o Concurso Fran Pérez "Narf" de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez "Narf". O Concurso, que chega neste 2022 á súa XIV edición, conta na súa nómina de gañadoras con bandas como Peña –banda gañadora en 2021-, Caldo, Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outras.
Bandas finalistas
NOAR é un proxecto de Iago Marta e & Rubén Fernández de quen o xurado salientou "a proposta arriscada que desde o jazz busca unha voz propia e orixinal". Comezan a tocar xuntos en 2013, pero non é ata 2019 cando forman Noar, publicando un traballo ('Ao vivo') en 2020. Desde entón teñen participado en diferentes festivais por toda a Península.
MADALENA GAMALHO é unha vocalista e compositora que destaca, segundo o xurado "pola súa calidade musical e polo coidado da súa proposta". Con formación clásica, formou parte de Nota Bene, do coro Vía Sete, e das bandas Os Meninos e Laroá. Está a presentar o seu álbum de estrea, 'Invento', xunto co músico e produtor Iván Barreiro, cun proxecto que integra letras e melodías que invitan a conmover, conectar e reflexionar sobre o ser, a vida e as súas contradicións, dende universo sonoro moi ecléctico e atrevido, que recibe influencias de pop, rock, funk e world music.
MALLOU son Sabela Rey Bello e Benxamín Vázquez. Deles o xurado destacou "a contemporaneidade dos sons de raíz e as influencias narfianas". Xuntos fan unha viaxe conxunta e individual dende músicas lonxanas, dende as linguaxes da música americana de raíz: country, blues e soul ata a música galega. Sabela e Benxamín achegan un repertorio onde entrelazan cancións que forman parte do ideario musical galego con creacións e composicións propias, cunha profunda inspiración na maneira de crear de referentes como Fran Pérez, Narf; sentindo a música como elemento de encontro entre xéneros, estilos e realidades.