Oitenta e nove equipos participan esta fin de semana no VIII Rally Rías Altas Histórico
A deputada de Deportes, Cristina Capelán, salientou hoxe a "importancia no ámbito social e económico" desta proba, un dos grandes eventos deportivos que conta co apoio da Deputación da Coruña
A competición celebrarase o venres 7 e o sábado 8 nos concellos de A Coruña, Betanzos, Vilarmaior, Monfero, Irixoa e Aranga
A deputada de Deportes, Cristina Capelán, presidiu hoxe, xunto coa concelleira de Deportes do Concello da Coruña, Mónica Martínez, o xefe territorial de Deportes da Xunta, Roberto Rodríguez, os alcaldes de Irixoa e Aranga, Antonio Deibe e Alberto Platas, a concelleira de Betanzos Chus Regueiro, o director de carreira, Germán Castrillón e o presidente do comité organizador, Ernesto Rumbo, a presentación do VIII Rally Rías Altas Histórico, que congregará esta fin de semana a 89 participantes e que terá A Coruña e Betanzos como puntos de referencia.
Capelán salientou a "importancia no ámbito social e económico" desta proba, que conta cunha subvención da Deputación da Coruña, a través da liña para grandes eventos deportivos "a cal incrementaremos debido á gran demanda existente, pasando de 22 eventos no ano 2019 a 36 eventos no 2022".
"Un rally con máis de 50 quilómetros de estradas de asfalto pola comarca da Coruña e Betanzos, puntuable para o campionato de España de vehículos históricos nas modalidades de Velocidade e de Regularidade, que congrega a milleiros de afeccionados ao longo dos catro tramos que o compoñen", destacou a deputada.
Capelán agradeceu "á organización o traballo que desempeña, demostrando que a ilusión, o esforzo e o compromiso crean oportunidades e proxectos tan especiais como este, que desde a Deputación queremos seguir apoiando e impulsando no seu crecemento".
Pola súa banda, a concelleira de Deportes da Coruña, Mónica Martínez, destacou o importante número de afeccionados ao mundo do motor que congrega a proba de vehículos históricos e o marco único que supón a meta en María Pita.
Roberto Rodríguez agradeceu a colaboración dos concellos nunha proba de referencia entre os rallys, mentres que Castrillón e Rumbo incidiron na importancia dunha proba que "recupera a historia do automobilismo" con vehículos clásicos que fan as delicias dos afeccionados. "Pode que os coches de agora sexan máis rápidos, pero non teñen ese son nin esa historia", afirmou Germán Castrillón, que subliñou que entre os pilotos inscritos figura Víctor Senra, que pilotará un Ford Focus WRC.
Tanto os alcaldes de Irixoa e Aranga como a concelleira de Betanzos destacaron tamén a importancia que para estes municipios ten o paso do rally, un clásico na comarca.
Dous días e seis concellos
O VIII Rally Rías Altas Histórico celebrarase o venres 7 e o sábado 8 nos concellos da Coruña, Betanzos, Vilarmaior, Monfero, Irixoa e Aranga. A primeira etapa disputarase en dúas ocasións en Doroña (11,21 km) e Monfero (18,08 km) e na segunda, equipos e mecánicas teranse que ver as caras tamén en dúas ocasións con Irixoa (12,52 km) e Aranga (11,31 km).
O rally comezará o venres ás 16:00 horas coa saída do primeiro vehículo desde o Parque Pechado situado no Parrote, na cidade da Coruña, onde regresarán o sábado para terminar o rally ás 15:30 horas. Na noite do venres os coches descansarán en Betanzos e a Zona de Asistencia repite localización no Polígono de Piadela.