Estás en:Novas

A Coruña e Padrón acollen a Copa Deputación de Hóckey Herba

Participarán os equipos feminino e masculino do Club Santo Domingo de Padrón, A.D. Cristo Rey de Oleiros e Athlétic Coruña HC e Escola HC da Coruña

A Coruña e Padrón acollen a Copa Deputación de Hóckey Herba

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, presentou esta mañá unha nova edición da Copa Deputación da Coruña de Hóckey Herba, que se realizará os días 16 e 23 de outubro. A competición, centrada nas categorías inferiores, desenvolverase nos concellos da Coruña e Padrón.

A sede provincial acolleu esta mañá a presentación do encontro, á que asistiu, ademais de Cristina Capelán, o responsable de Promoción da Federación Galega de Hóckey, Roberto Baratta, e a delegada na Coruña da Federación Galega de Hóckey, Yolanda Casanova.

"Xunto coa Federación Galega de Hóckey organizamos de novo unha proba coa que pretendemos impulsar e promover esta modalidade deportiva desde as categorías base", explicou Cristina Capelán. A deputada de Deportes tamén quixo sinalar a importancia deste tipo de competicións para "fomentar a afección ao deporte entre a mocidade".

O evento estará centrado nas categorías benxamín, alevín e infantil, tanto masculino como feminino. Nesta nova edición participarán os equipos do Club Santo Domingo de Padrón, A.D. Cristo Rey de Oleiros e Athlétic Coruña HC e Escola HC da Coruña.

Coa Copa Deputación da Coruña de Hóckey Herba o ente provincial busca seguir dando pasos adiante na promoción e difusión deste deporte, tanto na provincia como na comunidade autónoma. A competición enmárcase dentro do Plan de impacto 2020-2022 da Federación Galega de Hóckey.