Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Boiro invisten 110.000 euros na rehabilitación da capela do Pazo de Goiáns

Valentín González Formoso e o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, asinaron hoxe o convenio polo que a administración provincial achegará 87.905 euros, o 80% do orzamento total da actuación

A actuación pretende consolidar os restos que se conservan integramente; rehabilitar a cuberta, os muros e as carpinterías; facer unha limpeza e tratamento dos muros e instalar iluminación

O Pazo de Goiáns é unha antiga fortaleza medieval e a súa capela, fundada no ano 1630, intégrase dentro do conxunto de edificacións que forman este singular espazo

A Deputación e o Concello de Boiro invisten 110.000 euros na rehabilitación da capela do Pazo de Goiáns

A Deputación da Coruña destina 88.000 euros para financiar o proxecto de rehabilitación da capela do Pazo de Goiáns, situado na parroquia de Lampón do Concello de Boiro, co obxectivo de frear o actual deterioro que está a sufrir.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, asinaron hoxe o convenio polo que a administración provincial achega 87.905 euros, un 80% do orzamento total da actuación, que ascende a 110.133 euros.

"A verdade é que é unha axuda importante por parte da Deputación para continuar coa recuperación do Pazo, na que xa investimos 1 millón de euros. Quedan varias edificacións anexas por restaurar, entre elas esta capela do século XVII", sinalou o alcalde José Ramón Romero, que explicou que os plans de goberno municipal pasan por unha rehabilitación integral do complexo.

Pola súa banda, Formoso manifestou a satisfacción da Deputación de poder colaborar co Concello de Boiro na rehabilitación "dun espazo tan singular e representativo para Boiro como o Pazo de Goiáns, unha das xoias do patrimonio da localidade, situado nun entorno único que paga a pena recuperar".

O Pazo de Goiáns é unha antiga fortaleza medieval situada nunha contorna única no corazón da Ría de Arousa. A súa situación ao pé do estuario do río Coroño, as cores dos seus xardíns, cheos de especies singulares, o seu embarcadoiro, ou as antigas pesqueiras fan deste conxunto un elemento de gran importancia. Existe na propiedade unha capela anexa ao edificio, bastante antiga, que se integra dentro dun conxunto de edificacións formado por vivenda, almacéns, hórreo, pombal...

Segundo explicou o alcalde, o Concello de Boiro, actual propietario do Pazo, encargou este proxecto para darlle solución ao estado de ruína no que se atopa a día de hoxe a capela, que foi fundada en 1630 por don Jorge Varela de Castro Sotomayor, quinto morgado do pazo de Goiáns. Naquel momento, a súa tribuna comunicábase coa vivenda mediante unha escaleira exterior que daba a unha pequena terraza, desde a que se accedía a través dunha porta á sala do reloxo do pazo, co obxectivo de resgardar os señores e a familia das inclemencias meteorolóxicas. Dedúcese que, probablemente, sobre os cimentos da antiga capela, edificouse a actual.

Agora, a cuberta está caída e, nos muros, feitos de granito, non se aprecian gretas significativas aínda que o morteiro de cal que os reviste polo exterior está desprendido por moitas zonas, o que permite a entrada de humidades. Nas fachadas están proliferando liques, musgos ou enredadeiras. As carpinterías exteriores de madeira están en moi mal estado, ao igual cas reixas das ventás. No interior existe un altar, totalmente cuberto de musgo, e a soleira está chea de escombros da cuberta. Por outra banda, na entrada mantense a cuberta pero está en mal estado de conservación.

Así, a intervención que se levará a cabo pretende: consolidar, sen alterar a súa estética, os restos que se conservan integramente ou que permiten unha clara identificación do seu estado orixinal; rehabilitar a cuberta, os muros e as carpinterías, mantendo a configuración interior da nave e do alzadeiro. Ademais, instalarase unha nova iluminación e levarase a cabo a limpeza e tratamento interior dos muros.