Blas García visita en Negreira obras realizadas por entidades veciñais co apoio da Deputación
Acompañado do alcalde, Manuel Ángel Leis, e das asociacións de veciños visitou as obras de rehabilitación do muro do adro da igrexa de Liñaio e a nova cuberta do local social de San Pedro de Xallas
O deputado destaca a importancia das axudas de Promoción Económica para mellorar o entorno rural e dinamizar a actividade veciñal
Este ano 89 entidades veciñais, comerciais e empresariais reciben 722.000 euros en axudas da Deputación para actividades e investimentos de Promoción Económica
O deputado de Promoción Económica, Blas García, acompañado do alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, visitou esta tarde en Negreira dúas obras realizadas por asociacións veciñais con financiamento da Deputación, a través das liñas de subvencións de Promoción Económica.
Coa directiva da Asociación de Veciños O Teleclub de Liñaio, o deputado e o alcalde supervisaron as obras de rehabilitación do muro do adro parroquial de San Martiño, onde contan cun dos locais dos que dispón a entidade, a escola unitaria de Liñaio, fundada por emigrantes da parroquia en Cuba en 1919.
Trátase dun antigo muro de cachotería situado no entorno da casa reitoral que está en mal estado de conservación e que agora loce completamente renovado grazas a un investimento de 35.000 euros, cofinanciado ao 80% pola Deputación.
Blas García e Manuel Ángel Leis destacaron a notable mellora que experimentou a imaxe do entorno, que continuará sendo mellorado este ano cunha nova subvención de 16.000 para a recuperación do hórreo existente na mesma zona, que forma parte do conxunto patrimonial coa igrexa e o cruceiro e que, segundo explicaron os veciños, configura un núcleo de referencia para a xente do lugar.
Axudas para mellorar o entorno rural e dinamizar a actividade veciñal
"As axudas de Promoción Económica da Deputación para entidades veciñais non só lles permiten desenvolver as súas actividades de formación ou ocio, senón financiar proxectos coma este, que contribúen a mellorar núcleos rurais e a conservar o noso patrimonio", indicou García, que destacou que este ano 89 entidades veciñais, comerciais, empresariais ou de mulleres rurais reciben apoio da Deputación a través das liñas de subvención de Promoción Económica, cun investimento total de 722.000 euros.
Melloras no local social de San Pedro de Xallas
García e Leis visitaron tamén coa Asociación de Veciños de San Pedro de Xallas as obras de mantemento e cambio da cuberta do seu local social, xa que a anterior databa de 1998 e presentaba mal estado e desprendementos.
A cuberta do local foi substituída por unha nova de tella do país. Tamén se procedeu á limpeza a presión, reparación de gretas e pintado da fachada do local da entidade veciñal, que conta con case un centenar de socios e socias.
As melloras supuxeron un investimento de 16.764 euros, dos que a Deputación achegou 12.740 €.