Estás en:Novas

A Deputación financia con 48.000 euros a mellora do parque infantil da avenida de Castelao, en Muros

A actuación inclúe o acondicionamento das zonas verdes, a renovación do pavimento de caucho, do valado e dos xogos infantís, montaxe de novos xogos, substitución da iluminación e modificación do acceso norte

Valentín González Formoso e a alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, asinaron o convenio polo que a administración provincial sufraga o 80% da actuación

A Deputación financia con 48.000 euros a mellora do parque infantil da avenida de Castelao, en Muros

A Deputación da Coruña destina 48.402,96 euros para financiar o proxecto para mellora do parque infantil situado entre a avenida Castelao e a enseada do Concello de Muros, que conta cunha superficie total de 1.200 metros cadrados.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, asinaron o convenio polo que a administración provincial achegará 48.402,96 euros, o 80% do orzamento total da obra, que ascende a 60.503,7 euros. O acto contou tamén coa asistencia do deputado de Contratación, Xosé Lois Penas.

A actuación inclúe o acondicionamento das zonas verdes, a reparación do valado perimetral de madeira, do pavimento de caucho nas zonas nas que está estragado e dos xogos infantís que se manteñen, a montaxe a maiores de tres xogos de resorte individuais, dous sube-baixa e un equipo combinado, a instalación de cinco bancos de madeira como os existentes, a substitución da iluminación por tecnoloxía LED e, por último, o cambio da situación do acceso norte mediante unha nova disposición do valado.

O tempo estimado de duración dos traballos desde o seu inicio é de dous meses.