Estás en:Novas

A Deputación financia con 74.000 euros o proxecto de mellora na contorna do CPI de Bembibre, no Concello de Val do Dubra

A obra inclúe, por unha banda, actuacións no patio do centro educativo e, pola outra, a ampliación da rúa Socortes para a creación de zonas de aparcamento e de novas beirarrúas

Valentín González Formoso e o alcalde de Val do Dubra, José Manuel Varela Ferreiro, asinaron o convenio polo que a administración provincial sufraga o 59,49% da actuación

A Deputación financia con 74.000 euros o proxecto de mellora na contorna do CPI de Bembibre, no Concello de Val do Dubra

A Deputación da Coruña destina 74.000 euros para financiar o proxecto para realizar actuacións de mellora na contorna do Centro Público Integrado (CPI) de Bembibre, situado no Concello de Val do Dubra.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Val do Dubra, José Manuel Varela Ferreiro, asinaron o convenio polo que a administración provincial achegará 73.920 euros, o 59,49% do orzamento total da obra, que ascende a 124.252,98 euros. O acto contou tamén coa asistencia do deputado de Contratación, Xosé Lois Penas.

A obra contempla dúas actuacións diferenciadas. Por unha banda, traballarase no patio do CPI de Bembibre co obxectivo de promover o seu uso compartido entre os veciños da zona e o alumnado do centro. Para isto, proponse o peche perimetral do parque infantil instalando un valado de malla electrosoldada e un portalón de acceso desde o CPI, así como a recuperación do acceso desde a rúa Corredoira coa execución dunha nova porta de entrada. Así, en horario lectivo só os escolares poderán ter acceso desde o novo portalón mentres que, fóra deste horario, esta entrada pecharase e os veciños accederán polas das rúas Socortes e Corredoira.

Ademais, dentro desta primeira actuación, está prevista a mellora de todo o patio: renovando o valado existente, repoñendo a porta de acceso das escaleiras da rúa Socortes, que se demolerán creando unha rampla, creando unha zona de xogos con pavimento de caucho continuo, instalando diferentes xogos como balancíns e areeiros, creación de sendeiros e colocación dunha fonte ornamental e catro bancos.

Por outra banda, este proxecto tamén inclúe a ampliación e mellora da rúa Socortes, onde se atopa a entrada de acceso ao centro educativo. Estes traballos servirán para crear zonas de aparcamento a ambos lados da vía e para executar novas beirarrúas.

O tempo estimado de duración dos traballos desde o seu inicio é de seis meses.