Estás en:Novas

Igualdade da Deputación e entidades do sector quecen motores de cara ao 25N

María Muíño mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo con representantes de entidades que traballan no eido da Igualdade, na que tamén aproveitou para facer un avance das liñas de traballo da súa área de cara ao vindeiro exercicio

Igualdade da Deputación e entidades do sector quecen motores de cara ao 25N

A deputada de Igualdade, María Muíño, acompañada da técnica de Igualdade da Deputación, Eva Ovenza, e da asesora Silvia Seixas, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo con entidades que traballan no campo da Igualdade no ámbito territorial da provincia. O obxectivo era o de avanzar as principais liñas de traballo do departamento provincial de cara ao vindeiro exercicio e presentar as liñas principais da campaña do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

María Muíño adiantou que para este 25N manterase a mesma imaxe e lema que en edicións anteriores, "De Fronte" e volveranse programar unha serie de actividades tanto presenciais como en liña para "contribuír a poñerlle freo á violencia machista e xeral un amplo movemento social para crear conciencia de igualdade fronte ao feminicidio".

As actividades concretas da campaña faranse públicas a comezos do vindeiro mes, pero a deputada aproveitou para solicitarlle ás entidades presentes "a vosa adhesión, ao igual que en anos anteriores, co obxecto de ampliar a difusión e ir da man na loita contra a violencia machista e chegar a todos os segmentos de idade posibles e en todo o territorio".

Convén lembrar que na edición de 2021, a campaña "De fronte" da Deputación da Coruña contara coa adhesión de 88 concellos ademais de 59 entidades de carácter social, educativo, sectorial, cultural e deportivo.

De cara a planificación do traballo conxunto entre o departamento provincial de Igualdade e as entidades da provincia para o vindeiro ano, a xuntanza centrouse na liña de axudas destinadas ao mantemento de programas de políticas de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e loita contra a violencia de xénero. Neste sentido, María Muíño asegurou que a través desta liña "mantemos o noso apoio a entidades que estades facendo un labor de intervención, en moitos casos profesional e especializado, en ámbitos aos que as administracións non estamos chegando como deberamos".